Redacción | Frente Popular Galega

“Vemos a todos falando con veciños descoñecidos. Lemos miles de pancartas onde a vida de cada un se mistura sen fendas coa grande historia de todos. O conxunto destas situacións, destes descubrimentos, constitúe o comunismo de movemento”.

Alain Badiou, “A faísca que incendia a chaira” in Le Monde, marzo de 2011.

Comunismo é aquí, como nos dirá Badiou, “creación común do destino colectivo”. Unha idea simple e chea de potencial revolucionario. Perseguida, por exemplo, polo sindicalismo de base: que os problemas da que traballa ao noso carón sexan do común. Presente na memoria do noso pobo a través das asembleas populares agochadas nas misas de Moncho Valcarce, só por ilustrarmos co exemplo máis recoñecible.

A heteroxeneidade ideolóxica dos chamados “Indignados” impide a identificación dese “destino colectivo”. O cal non se debe confundir coa asunción da súa existencia nin co traballo consciente na súa procura. É dicir, a mocidade, como impulsora das mobilizacións, recoñece eivas no sistema e capacidade en sí mesma para liderar as mudanzas. As organizacións políticas anticapitalistas, de mocidade ou non, deben valorar este punto de partida como elemento cohesivo principal. É un erro moi grave analizar o 15M  como algo pechado ao que tivesemos que decidir a nosa adhesión. O manifesto reformista dos 8 puntos, un dos poucos textos concretos que manexa o movemento, é discutido abertamente por grande parte dos membros máis activos nas acampadas, sendo desestimado como ferramenta de traballo en múltiples comisións e asembleas. O punto de unión da “indignación” é un descontentamento básico que non é refractario per se a analises marxistas ou antisistema.

Con todo, non nos debemos levar a enganos, alén desta definición de comunismo como recoñecemento dun destino común, a grande maioría de panfletos, postulados e comunicados saídos de acampadas, manifestacións ou grupos de traballo obvian a loita de clases. É moi frecuente que a contradición proletariado-burguesía apareza diluída nunha inconcreta confrontación entre cidadanía e intereses da banca e a caste política. Promóvense a cotío formulacións non materialistas que apuntan a eivas democráticas invisibilizando as propias lóxicas do sistema no que se insiren e rexeitando ferramentas organizativas básicas para as clases traballadoras. No seu extremo, a hostilidade xeral contra partidos (botando man de termos como “partitocracia”) serve a intereses máximos do neoliberalismo doméstico: recentralización do Estado e desvencellamento ideolóxico total dos partidos, convertidos agora en “organizacións de cidadáns”, escravas por necesidade de diferentes lobbys económicos.

Pola súa banda, Movemento é, tamén segundo Badiou, “a acción colectiva que rompe coa repetición”. É dicir, aquilo que non está previsto nin é controlable nas leis da orde dominante. Coidamos que está directamente relacionado con outro termo habitual no filósofo francés: acontecemento (intre, singularidade universal que fai que todo mude na hexemonía dun sistema). Difícil para nós é determinar se o 15 de maio de 2011 se producíu o acontecemento que orixinou as bases do movemento que está destinado a destruír o capitalismo. Máis probable é que o propio sistema sexa quen de canalizar a enerxía crítica cara posicionamentos reformistas (por exemplo, a reforma da Lei electoral). Porén, a activación multitudinaria de discursos como os que cuestionan radicalmente o papel da banca e o neoliberalismo si semella marcar un punto de inflexión que o sistema en crise terminal terá que difícil dixerir. A magnitude do movemento dependerá en boa medida da correlación de forzas no seu interior e da resposta que o capitalismo artelle.

O que, en calquera caso, debemos ver claro é que o 15M abríu un espazo político necesario para traballar na construción do socialismo. E, neste sentido, si foi un feito imprevisible, non controlable que rompeu coa repetición. A reapropiación de prazas públicas para debates abertos xera un lugar de expresión onde as respostas individuais aos diferentes problemas tenden a enfraquecer ante o poder que representa o colectivo. A fase de traslado das asembleas aos barrios e o contacto con foros veciñais alimenta a dinñamica anterior, ademais de fortalecer o movemenot coa experiencia interxeracional. Nos vindeiros meses sería moi desexable a conexión co movemento obreiro , en especial co máis combativo, dando pasos cara unha folga xeral que poida inserir unha grande masa social subalterna nun contexto de confrontación de clase.

A nosa mocidade soberanista e de esquerdas debe abandonar tanto a desconfianza inicial como certo paternalismo ridículo e mergullarse con intelixencia neste espazo de traballo. Xa que non contamos cos grandes medios de comunicación para difundirmos a nosa mensaxe, se as e os comunistas desprezamos a rúa cando esta se abre ao debate político estaremos a ser presas e presos dun improdutivo purismo inxenuo (nós tamén). Se realmente posuísemos a forza, formación e pedagoxía necesarias para facermos política real nada teriamos a perder misturándonos en espazos de debate abertos e horizontais.

As acampadas e grupos de traballo irán esmorecendo. Difícil é que prendan as raíces nos barrios. O baleiro político e que a democracia representativa non enche atraerá novas formas de loita que baterán, confusas e alienadas cos límites que manteñen en pé as estruturas da economía capitalista. No entanto, se cadra, o máis relevante que non debemos obviar é precisamente a súa natureza de formas novas que, nas marxes, aínda poden nacer todos os días.

Deja un comentario