BNG | Redacción Galiza

O BNG vai levar ao Parlamento, a través dunha batería de iniciativas, o futuro dos terreos do porto da Coruña despois de que o presidente da Xunta dese luz verde a unha nova discriminación con Galiza e coa cidade herculina a través do protocolo asinado co Ministerio de Fomento e Portos do Estado, que a portavoz nacional, Ana Pontón, definiu como “protocolo da vergoña e do roubo á cidade da Coruña”.

Iniciativas parlamentarias coas que o BNG busca un pronunciamento da Cámara contra o que considera un “latrocinio” aos coruñeses e coruñesas, con dous obxectivos concretos.

En primeiro lugar, demandar da Xunta que reclame a devolución á cidade dos terreos dos peiraos de San Diego,  Calvo Sotelo e Batería “ao minuto seguinte de que deixen de ter uso portuario,  devolución que ten que ser sen coste algún para a cidade, nin para Galiza”, subliñou Pontón. E, en segundo lugar, un pronunciamento claro por parte do Parlamento para que as obras do porto exterior sexan financiadas polo propio porto ou polo Goberno do Estado.

“O que resulta un pitorreo inaceptable é que o Estado poña sobre a mesa 3.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas e despois lle diga á cidade da Coruña que non ten cartos para  a conexión do porto exterior”, criticou Pontón, no café informativo no que trasladou aos medios a batería de iniciativas parlamentarias sobre este asunto.

A dirixente do Bloque foi moi crítica co xefe do Executivo galego, a quen instou a deixar de exercer “como recadeiro de Raxoi, para exercer de presidente do país”.

“Págaselle o salario para que defenda os intereses do país, e os intereses da Coruña son tamén os de Galiza”, subliñou, tras recalcar que “o que debería estar facendo é reclamar a devolución inmediata dos terreos do porto a esta cidade, lexítima propietaria”.

Ver a Feixóo liderar ese protocolo “deixa ás claras até que punto chega a súa subordinación a Madrid,  caia quen caia e custe o que custe, neste caso a costa de sacrificar os intereses dos e das coruñesas nunha cuestión de tanta relevancia como é a súa fachada portuaria”, denunciou.

Caso único de discriminación

A portavoz do BNG salientou que o protocolo é un caso único en todo o Estado español “como recoñeceu con total descaro o propio ministro de Fomento dicindo que era a primeira ocasión en que unha comunidade autónoma aporta fondos para permitir que uns terreos portuarios manteñan a súa condición de públicos. Dixo isto co presidente da Xunta ao seu lado sen que a ningún dos dous se lle caese a cara de vergoña”, recriminou Pontón.

Para a formación nacionalista, o “protocolo da vergoña e do latrocinio” supón tamén abrazar un modelo “especulativo fracasado” que aposta pola construción de milleiros de vivendas nunha cidade na que hai milleiros de vivendas baleiras, e por centros comerciais, nunha cidade cunha evidente saturación de grandes superficies comerciais con sonoros fracasos.

“Os terreos son propiedade da Coruña que os cedeu ao Porto para o seu desenvolvemento en beneficio da cidade, e no momento en que deixen de ser de uso portuario teñen que reverter ao seu lexitimo propietario: A cidade da Coruña, e así o defenderemos no Parlamento”, concluíu, “non poden servir nin para especular, nin para financiar obras doutras administracións, senón para darlle o uso que a cidadanía decida na consulta popular aprobada pola corporación municipal”.

Pontón, acompañada da portavoz municipal, Avia Veira, e polo responsable local do BNG, Manuel Méndez, tamén mantivo un encontro coa Asociación veciñal da Agra do Orzán para coñecer as demandas da veciñanza sobre equipamentos e servizos.

Deja un comentario