A Administración galega informa negativamente dos parques que afectan a Pena Trevinca ao tempo que fomenta a invasión eólica do territorio coa Lei de simplificación administrativa

0
9

Segundo informa a Asociación Salvemos Cabana o ditame negativo da Xunta supón que o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) “o terá moi difícil para dar luz verde á autorización ambiental destes proxectos” e que o macizo de Pena Trevinca, que alberga os cumios máis altos de Galicia, “seguirá a ser un referente a nivel de paisaxe e biodiversidade do norte peninsular”.

Macizo de Pena Trevinca / Creative Commons

Como insistiu a asociación durante o período de tramitación, a implantación dos parques eólicos Prada (170,5 MW) e Alto Cabrera (144 MW), co que as multinacionais Statkraft e Enel pretendían instalar 60 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta na contorna de Trevinca supoñería unha problemática insalvable para a montaña máis alta de Galicia e a súa contorna polos numerosos impactos que acarrean este tipo de proxectos en zonas elevadas, coma o traslado e instalación de aeroxeradores, a apertura de pistas en lomas e cordais montañosos e as numerosas infraestruturas asociadas, en especial as relacionadas coa evacuación eléctrica.

Este entorno natural privilexiado conta coa presenza de numerosas especies protexidas como a águia real (Aquila chrysaetos), incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de “en perigo” e a nivel xeolóxico cunha das mellores mostras das antigas paisaxes glaciares da península, cuxo recordo consérvase en lagoas situadas a máis de 1.600 metros de altitude como “A lagoa de serpe” e “O Celo”. Ademáis, xunto ao río San Xil, está o famoso Teixedal de Casaio, unha auténtica catedral botánica que alberga máis de 300 árbores dunha especie, o texto (Taxus baccata), que pode chegar a superar os 3.000 anos de idade e que na antigüidade era considerado como sagrado polos pobos celtas.

INFORMES NEGATIVOS PARA O PARQUE EÓLICO REBORDECHAO

Doutra banda, a asociación considera relevantes os informes negativos sobre o parque eólico Rebordechao (Statkraft, 154 MW), unha infraestrutura tamén inviable a nivel ambiental pola súa proximidade a espazos amparados pola Rede Natura 2000, coma o ZEC Macizo Central (código ES1130002), o ZEC Río Támega (código ES1130005), y el Bidueiral de Montederramo (código ES1130003), un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana máis ao sur de Europa.

APOIO DA XUNTA Á INVASIÓN EÓLICA COA LEI 9/2021

Salvemos Cabana denuncia que ao mesmo tempo que a Xunta está a reixeitar os parques eólicos tramitados polo Goberno central, anda a apoiar, sen embargo, as ducias de proxectos que por todo o territorio están a formentar numerosos conflitos socioambientais, impoñendo un desenvolvemento eólico desordenado a base de facilitar á tramitación de proxectos ás grandes empresas grazas á Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, aprobada sen consenso polo PP na Cámara galega.

Para formacións políticas como Anova, o modelo eólico que implanta esta normativa “non respecta” nin á xente nin aos valores patrimoniais e paisaxísticos do territorio, ocasionando ademáis “graves impactos”, dado que Galicia “carece dunha planificación global e racional coherente coa normativa comunitaria da UE en materia ambiental”.

Anova denuncia neste senso “a carreira entolecida de instalación de parques eólicos sen planificación estratéxica substentada nun plan obsoleto e desfasado” que só sirve para expulsar poboación do rural a base de outorgarlle privilexios a unha minoría que xestiona os grandes intereses empresariais.

Por iso insta a Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta “a que non profundice máis no camiño do espolio” e goberne “para o interés xeral”, esixindo un modelo respectuoso cos valores paisaxísticos e medioambientais onde exista un retorno social que sexa democrático e beneficie á poboación sen primar o máximo beneficio para o oligopolio eléctrico, que se está a lucrar “cos recursos de todas e todos”.

Dejar respuesta