A Asociación Salvemos Cabana alerta das consecuencias que os parques eólicos Soesto, Monte Chan e Pena dos Mouros, da multinacional EDP, pode ter sobre a paisaxe e a biodiversidade dun dos tramos litorais máis espectaculares da fachada atlántica galega.
A entidade ven de presentar alegacións ao documento ambiental de inicio do proxecto de EDP Renovables que, “aínda en apariencia pouco relevante” pola potencia que pretende instalar (2 aeroxeradores, 12 MW), sí supón un problema a xuizo do colectivo, “ao valorar de maneira conxunta os efectos sinérxicos e acumulativos dos outros parques eólicos promovidos na zona”, como son o Monte Chan (9 aeroxeradores, 36,2 MW) e o Pena dos Mouros (7 aeroxeradores, 35 MW).
Desde xeito -consideran-, 18 aeroxeradores de gran porte (de ata 200 metros de altura en punta de pa) “rodearían e afogarían”, literalmente, o Espazo Natural Protexido da Lagoa e Dunas de Traba, en Laxe, “amparado pola Resolución autonómica 10/01/1990, integrado na Rede Natura 2000 e recoñecido como un dos tramos costeiros máis espectaculares da Costa da Morte, formado por unha praia de case dous quilómetros de lonxitude entre a Punta de Amado e a Punta de Traba, un conxunto dunar extraordinario e unha lagoa natural de altísimo valor ecolóxico”.
Ademáis -recordan-, na área onde pretende desenvolverse o complexo eólico integrado nesta infraestrutura conxunta dividida artificialmente en tres proxectos, atópase a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, amparada polo Decreto 294/2008 e directamente afectada polo parque eólico Monte Chan, recoñecidos estes conxuntos rochosos no texto legal de “merecedores dunha protección especial” polas “características e singulares valores naturais, estéticos e culturais” que presentan.
Para Salvemos Cabana no caso do parque eólico Soesto, como nos outros dous proxectos está, ademáis, “a afectación inasumible pola cercanía do conxunto de infraestruturas proxectadas sobre a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte e a Zona de Especial Protección para as Aves Costa da Morte Norte”, que según proxecto atópanse nos seus puntos máis próximos a 335 e 875 metros respectivamente.
Dende a entidade apunta que “hai que recordar que o emprazamento proxectado nestes parques eólicos é susceptible de formar parte da futura ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia, medida reiteradamente solicitada polas autoridades europeas ante o significativo déficit que a nivel territorial mantén a comunidade autónoma, pois a contribución do territorio galego segue a ser unha das máis baixas a nivel estatal e da UE, con tan só un 11,74% de superficie protexida“. Neste senso, en tanto en canto na Rede Natura 2000 só está permitida a repotenciación de infraestruturas eólicas existentes pero non a súa implantación, para Salvemos Cabana “en áreas que potencialmente poden chegar a formar parte a curto/medio prazo non é razoable a súa instalación”.
IMPACTO NEGATIVO SOBRE A CONSERVACIÓN DE ESPECIES EN PERIGO
De entre os moitos impactos negativos que se desprenden da análise da documentación presentada a información pública pola promotora do parque eólico Soesto e analizada poco colectivo de defensa ambiental, aves e morcegos lévanse a peor parte pois ata a propia empresa recoñece que “detectouse a potencial presencia” da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), consideradas en estado vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e tamén do morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) e o morcego ratoneiro grande (Myotis myotis), que se atopan en idéntica circunstancia.
Doutra banda, para o grupo, “existe unha clara interferencia cos plans de recuperacións de especies en perigo de extinción” ao encontrarse o proxecto na área de distribución potencial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp.), amparados respectivamente polos decretos lexislativos 9/2014 e 75/2013.
UN ‘PRESTIGE 3.0’ PARA GALICIA
Salvemos Cabana apunta finalmente que a realidade demostra que “a día de hoxe” o territorio galego afronta un novo ‘Prestige’, só que “neste caso” trátase dun ‘Prestige 3.0’, pois “primeiro foi o dramático naufraxio do petroleiro en 2002, anos despois a invasión mineira en proxectos irracionais coma o aurífero de Corcoesto e, na actualidade, o aluvión eólico incontrolado froito da burbulla especulativa que vive o sector das enerxías renovables, actualmente impulsado grazas a un corpus lexislativo deseñado a medida para favorecer a implantación forzosa deste tipo de proxectos que, ignorando o interés xeral e a protección da paisaxe e a biodiversidade máis prezados do noroeste, ameazan con sepultar o futuro da natureza galega”.