A entidade critica a actitude de «sacar peito» do Executivo do PP contrasta coa súa falta de autocrítica e a capacidade de recoñecer que as súas actuacións políticas a nivel sanitario na última década «son a causa de boa parte do sufrimento e das incertidumes que levan acontecido durante estas últimas semanas».

Aínda que entende que «é moi cedo» para facer avaliacións de conxunto da pandemia «ante a falta de datos e análisis rigurosos que permitan coñecer o resultado final da situación», hai que saber valorar «que parte das cifras se corresponden ao acerto das medidas tomadas polas autoridades e que parte ten que ver con outras situacións», recordando que «o Goberno galego debería falar de todo isto e non só do que lles é favorable para sacar vantaxe política».

A asociación indica que fronte a actual situación, «os servizos de Saúde Pública revélanse como unha parte esencial e fundamental» da loita contra a pandemia, e que analizando os investimentos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo neste terreo pode apreciarse «un constante recorte orzamentario en epidemioloxía e a loita contra as infeccións», que tan só reciben o 0,9% do presuposto sanitario, sendo a maioría para organizacións privadas.

Doutra banda -sinalan-, «a falta de camas tras os recortes do sistema público xeró temor na Xunta de que os hospitais e UCI quedaran desbordados», pero ante este risco o Goberno do PP «apostou por protexer os intereses dos hospitais privados» e planteou a creación de hospitais de campaña, «que xa terían mostrado o seu fracaso en Madrid, e que xeraron un custe engadido e innecesario que podería terse evitado intervindo os hospitais privados».

Ademáis, dende o Goberno Feijóo, «a xestión dos equipos de protección e outras medidas de prevención de riscos laboraris foron moi erráticas e con constantes desabastecimentos de material e medios», tanto a nivel xeriátrico como sanitario, a pesares de ter «total capacidade de xestión» dende a Xunta nestes ámbitos.

O colectivo denuncia, asemade, que Núñez Feijóo estableceu dende o inicio da pandemia «un constante pulso e competencia do Goberno do Estado», no que cando as cousas non funcionan «a culpa é de Madrid», pero cando van ben, o seu Goberno «é un paradigma da eficacia».

Neste senso, poñen o exemplo dos test diagnósticos, que primeiro se consensuaron a nivel central, despois foron desprezados e 48 horas máis tarde volvéronse a poñer en valor decidindo utilizalos para competir co Estado con un estudo epidemiolóxico «con eses test diagnósticos que parecía que non cumprían un mínimo de estándares de calidade».

O colectivo conclúe que a realidade das políticas da Xunta de Galicia no terreo sociosanitario «requiren dunha urxente avaliación», pois a pandemia «revelou unha situación moi preocupante e unha talta total de supervisión e vixilancia por parte das autoridades sanitarias» e a cesión das residencias «a unhas empresas multinacionais ou da Igrexa» que en moitos casos «antepuxeron os beneficios económicos por diante das necesidades dos usuarios». Por este motivo a AGDSP solicita unha «urxente auditoría» e «que se depuren as responsabilidades que se deriven de estes resultados».