A alcaldía da localidade ordeou ao colectivo vinculado á mineira cobre San Rafael a retirada inmediata dos afiches por carecer da autorización correspondente.

Cartel da asociación da mineira instalado sen autorización nunha marquesiña de autobuses do concello de Touro / Cedida

Jesús Martínez Pereira, alcalde de Touro en funcións, respostou a unha solicitude do grupo municipal do BNG e do seu responsable Xoan Louzao a finais de agosto manifestando o rexeitamento do concello á ocupación do mobiliario urbán por parte da autonomeada “Asociación Plataforma de Traballadores Mineiros Touro-O Pino”. Polo momento, o BNG local aínda non reaccionou ao flagrante incumprimento da normativa por parte da entidade da mineira.

Notificación do alcalde en funcións esixíndolle á asociación da mineira a retirada da súa cartelería.

Segundo relatan testemuñas presenciais, os carteis a prol da mina de Touro foron colocados durante o verán por persoal vinculado a Cobre San Rafael, chegando a incluso a utilizar os vehículos da empresa para tal fin, provocando a indignación da veciñanza da localidade que viu como, logo de cancelar a Xunta o proxecto pola súa inviabilidade técnica e ambiental, estase a interntar reflotar o proxecto por parte de Cobre San Rafael e as súas empresas matrices, Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas.

Este novo intento ven da man da asociación creada dende a contorna da mineira, que está a servir de ferramenta aos promotores do proxecto para xerar división social na veciñanza. Neste senso, dende o colectivo veciñal Cornado Nina Non sinalan que a suposta plataforma está “claramente vinculada á empresa promotora do fallido proxecto e dirixida por enxeñeiros e outro persoal do sector extractivista” que provén de diferentes puntos da península.

Dende o colectivo veciñal advirten que a empresa promotora utiliza esta entidade instrumental co obxectivo de presionar á Xunta e favorecer a reactivación dun proxecto «inviable e insostible segundo os técnicos da administración galega» empregando as súas accións para provocar de forma intencionada «un conflito social e fragmentar á sociedade».