O Goberno galego lanza unha nota de prensa con escasa repercusión mediática logo de enviar ao director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, actualmente investigado pola Fiscalía de Medio Ambiente por un caso de presunta prevaricación ambiental, a “facerse a foto” nas obras do parque eólico de Neda, que a empresa Norvento está a instalar entre os concellos lucenses de Abadín e A Pastoriza.
Segundo informa a propia Xunta no comunicado, “Tahoces felicitou á compañía galega polo seu traballo con Neda” e “congratulou aos alcaldes dos concellos de Abadín e A Pastoriza”, do PP e o PSdeG.
O de Neda forma parte da oleada dos 18 novos proxectos que ven de permitir o Executivo autonómico por todo o territorio galego, e únese a outros proxectos similares promovidos por Norvento, como os parques eólicos Sasdónigas I e II, Cadeira, A Pastoriza, Carracedo e o parque eólico singular de Mondoñedo.
MANOBRA MEDIÁTICA FRONTE Á OPOSICIÓN POLÍTICA E SOCIAL
Esta manobra mediática do Partido Popular no Goberno da Xunta obedece á presentación este luns dunha Proposición Non de Lei no Parlamento de Galicia por parte do vicevoceiro de do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, na que ven de solicitar a elaboración dun novo Plan Sectorial Eólico que sexa respectuoso co medio ambiente e coa poboación rural e que introduza novas formas de participación primando a xeración de emprego de calidade fronte ás actuais políticas desenvolvidas polo PP a nivel galego.
Sánchez, en recentes declaracións aos medios, xa manifestou que “para Galiza non é unha prioridade instalar sí ou sí parques eólicos a calquera prezo”, e que o modelo de desenvolvemento eólico desenvolvido polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo entrega os recursos naturais e o territorio “a grandes conglomerados de fondos voitre, bancos, construtoras e eléctricas”, uns axentes económicos que se “están a facer de ouro” a costa dun recurso público coma o vento e demostrando en moitos casos “unha total falta de respecto” polo patrimonio natural, cultural, a paisaxe, e a xente que vive no rural, como está a pasar nos parques eólicos de Paradela e a Serra do Oribio.
Precisamente a este último proxecto fixo referencia o deputado este luns en rolda de prensa, denunciando que o parque eólico Serra do Oribio, entre os concellos lugueses de Triacastela e Samos, estase a instalar dentro dun espazo protexido da Rede Natura 2000 “que debera estar preservado”, tal e como marcan tanto a Lei 8/2009, do Sector Eólico de Galicia e o Plan Director da Rede Natura, que exclúe expresamente a construción de parques eólicos neste tipo de áreas protexidas a nivel europeo.
Para Antón Sánchez, a aprobación por parte do Executivo galego do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicial publicado no Diario Oficial de Galicia o 14 de agosto “fíxose para vestir ao santo e legalizar unhas obras que xa se estaban a realizar ilegalmente” nun procedemento no que se ocultou información á cidadanía “do feito máis opaco posible”. Por este motivo, anunciou a presentación dun recurso administrativo contra esta resolución.
O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea considera que a lexislación aprobada polos poderes públicos ten que defender “o interese xeral”, o que non está a acontecer no caso galego porque o sector eólico que defende a Xunta de Feijóo “é un negocio privado moi suculento” que factura anualmente uns 600 millóns de euros.