Varios centos de empregados/as de Servicarne e de delegados/as sindicais da CIG percorreron este sábado as rúas de Ourense en manifestación para denunciar a sobreexplotación á que están sometidos/as milleiros de falsos/as autónomos/as que traballan nas principais compañías cárnicas do país.

Na marcha participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. O máximo responsábel da federación de Alimentación aproveitou a súa intervención ao remate da protesta para poñer en valor a loita “decidida, valente e sen retorno” do persoal contratado pola cooperativa Servicarne que traballa como falso autónomo para empresas como Coren, Frigolouro, Cogal ou Novafrigsa.

A secretaria nacional da FGAMT, Dores Martínez, insistiu en que a loita iniciada hai un par de anos por este colectivo “non ten retorno” xa que “continuará até lograr as mesmas condicións laborais que o resto do persoal das empresas”, ao tempo que esixiu que as empresas os dean de alta no réxime xeral da Seguriade Social.

Martínez lembrou que este colectivo, integrado no noso país por máis de 2000 persoas, “está a ser discriminado con respecto ao resto do persoal: carecen de horario fixo, salario mínimo, dereito a vacacións ou permisos e a cobrar baixas, ademais de padecer ritmos de produción salvaxes e maior represión laboral e sindical“.

Denunciou ademais a fraude na contratación que supón este tipo de relación laboral, cifrando en máis de seis millóns de euros anuais o que a Seguridade Social deixa de ingresar.

Diante disto, reclamou que as empresas cárnicas usuarias destes falsos/as autónomos/as sexan obrigadas a acatar a resolución de Inspección de Traballo e procedan de xeito inmediato a dalos/as de alta no réxime xeral da Seguridade Social “Esixímoslles tamén que deixen de coaccionar a estes/as traballadores/as para que renuncien aos seus lexítimos dereitos”.

Tamén explicou que unha representación da FGAMT-CIG mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa dirección especial da Inspección de Traballo que asumiu o caso tras as numerosas denuncias presentadas pol central e adiantou que nas próximas semanas celebraranse asembleas para informar e analizar o contido da reunión. Por último, demandou do novo Goberno español do PSOE “celeridade e contundencia” para rematar con este tipo de prácticas nas empresas.

Deja un comentario