- A CNT reclamará a fixeza da relación laboral do persoal
- Tamén se presentarán varias demandas por pagar salarios inferiores aos correspondentes legalmente
- A realización de horas extras e os incumprimentos da normativa de prevención de riscos son tamén circunstancias habituais
Para o sindicato CNT, os Concellos base dos GES deberían facerse cargo dos seus traballadores e traballadoras como “mostra de responsabilidade co servizo de emerxencias e coa cidadanía” e sinalase que nomeadamente o Concello de Castro Caldelas incorre en graves irregularidades “non so ao realizar contratos eventuais para traballos de carácter permanente, senón que nin sequera conta cunha Relación de Postos de Traballo ao que adscribir ao seu persoal”.
Os GES constituíronse en 2013 tras superar o persoal un proceso de concurso-oposición e están vinculados desde entón ao Concello de Caldelas como persoal laboral. Estes contratos son temporais, aínda que en realidade os traballadores do GES ocupan postos estruturais e desempeñan unha labor permanente, como até recoñece o mesmo convenio marco a través do que Xunta, Deputacións e FEGAMP crearon e xestionan os GES.
Así, os traballadores deste servizo de emerxencias fundamental para a cidadanía declaran atoparse “bastante intranquilos” nunha situación de incertidume onde ven perigar os seus postos de traballo e onde non reciben “nin a máis mínima explicación” sobre o seu futuro laboral por parte de ningunha das distintas administracións intervintes no seu marco regulatorio.
Así mesmo, os GES denuncian que o Concello de Castro Caldelas non está a pagar as nóminas conforme ao grupo profesional que lles corresponden, deixando así de percibir milleiros de euros anuais polo seu traballo. Estas reclamacións económicas dos traballadores do servizo do GES “atópanse amparadas nos mesmos orzamentos muinicipais e nas propostas de RPT, se ben a vontade do Concello por cumprir a súa propia norma semella nula”, informan desde a CNT.
Para alén, os traballadores do servizo non perciben ningunha remuneración polas horas extraordinarias que realizan. Tampouco se estarían a aboar as compensacións de nocturnidade e festividade nin a compensación do horario de verán, do que si que desfruta o resto de persoal do Concello.