Dende a Coalición Son denunciarase no vindeiro pleno a delicada e situación límite que está a sufrir o servizo de CORREOS; pois no exercicio orzamentario do 2017, viu recortado o seu financiamento pola prestación do SPU (Servizo Postal Universal) nun 66%, o que supón algo máis de 120 millóns de euros.

Xosé Lois Jácome

Mais isto non remata aquí, senón que trala aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, vólvese recortar dito financiamento, e, ademais, o Estado xa lle endebeda á empresa postal pública máis de 250 millóns de euros.

O persoal de Correos vén avisando desta traxedia anunciada dende hai tempo, e advirten que os sectores máis afectado, como soe ser neste caso son os núcleos rurais, respecto a isto Jácome alertaba que “o recorte en servizos prestados á cidadanía, especialmente en zonas rurais da provincia de Pontevedra, implica a desaparición ou o recorte do reparto domiciliario de correspondencia, peche de oficinas en zonas rurais ou de escasa poboación, redución de horarios ou a supresión de postos de traballo de ámbito rural”.

Na nosa provincia, o deputado afirma que “o axuste poderá implicar 335 postos de traballo suprimidos e poboacións sen reparto regular de luns a venres, afectando a practicamente toda a veciñanza pola perda ou debilitamento do servizo postal”.

Dende a Coalición Son percibimos un claro desmantelamento do servizo público de Correos; pois senón non se entende como é posible que empresas como Seur ou DHL estean operando con gran éxito sen contar coa mesma infraestrutura da que dispón Correos.

Por iso, dende a Coalición Son amosaremos o noso rexeitamento no Pleno da Deputación de Pontevedra aos recortes no Servizo de Correos, onde tamén propoñemos ao pleno instar ó Goberno a corrixir o recorte que non trae máis que consecuencias claramente negativas para a veciñanza, Correos e o persoal da empresa, así como a desbloquear o Convenio Colectivo e o Acordo Funcionarial. Así mesmo, instarase ó Ministerio de Facenda á aprobación do Plan Estratéxico que permita a súa adaptación empresarial ás necesidades e á demanda da cidadanía.

Deja un comentario