O proxecto de EDP Renovables, que plantea a instalación de só dous aeroxeradores, pode sen embargo condicionar a conservación do que está considerado un dos tramos máis espectaculares da Costa galega.
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana urxe a presentar alegacións -pódese facer ata o 31 de outubro- fronte a este novo plan enerxético da multinacional portuguesa, xa que este proxecto está asociado a un complexo eólico integrado por 34 aeroxeradores, 6 parques eólicos e unha liña de alta tensión, algo que considera “ameaza con cambiar para sempre a paisaxe deste recuncho do noroeste” peninsular tendo “consecuencias imprevisibles para as comunidades rurais e a actividade económica derivada do turismo”.
Baixo o alcume de “Complexo eólico Costa da Morte” EDP Renováveis e a súa filial española pretende sacar adiante un macroparque integrado por 34 turbinas eólicas de 200 metros de altura en punta de pa, divididas no parque eólico Soesto (2), Pena dos Mouros (7), Monte Chan (9), Monte Agrelo e Muriño (7), Alto Torreiro (3) e Bustelo e Baralláns (6). Ademáis incorpora anexas numerosas infraestruturas como centros de transformación e unha liña de alta tensión (LAT Costa da Morte) que partirá en dous o territorio.
Segundo alerta o colectivo, “para as localidades afectadas (Cabana de Bergantiños, Zas, Coristanco, Laxe e Vimianzo) este proxecto de proxectos supoñerá un duro golpe non só a súa paisaxe e intereses veciñais, senón á actividade económica derivada do turismo da que de maneira directa ou indirecta dependen miles de familias na Costa da Morte“.
A entidade ambiental considera que “consentindo este tipo de actuacións, o Goberno da Xunta de Galicia faise cómplice das consecuencias“, nun contexto no que cada vez son máis as sentenzas xudiciais que deixan ben claro que este tipo de procedimentos non deberían de se autorizar, coma no caso do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, cun permiso outorgado polo Executivo autonómico que permitiu construir un parque eólico en dúas fases diferenciadas, e que a finalis de 2020 foi “tumbado” polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) -nunza sentenza ratificada finalmente polo Tribunal Supremo- que censurou no auto a “fragmentación” e “división artificial do proxecto” por parte de Norvento como empresa promotora (STSJ GAL 5691/2020).
INASUMIBLE AFECTACIÓN SOBRE ALGUNHAS DAS MELLORES PAISAXES DA COSTA DA MORTE
Doutra banda, Salvemos Cabana alerta que os 34 aeroxeradores que integran o “Complexo eólico Costa da Morte” afectan a algúns dos mellores enclaves da zona a nivel visual, e incluso tres dos proxectos (Soesto, Monte Chan e Pena dos Mouros) desenvólvense na contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, que situado entre Laxe e Vimianzo está amparado polo Decreto autonómico 294/2008, que recoñece que este macizo granítico conforma “unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza” porque “as penas non son únicamente pedras amorfas e sen valor” senón, fundamentalmente, “elementos figurativos, perceptuais e culturais das paisaxes”.
CONSECUENCIAS IRREVERSIBLES PARA O TURISMO
“A incidencia desta actuación, que transforma en solo industrial o mellor da paisaxe e da naturaleza galega, terá consecuencias irreversibles na actividade turística, que a día de hoxe é un dos motores de desenvolvemento económico da Costa da Morte, algo que ademáis non se compensa en absoluto coas aportacións residuais deste tipo de proxectos millonarios ás arcas municipais. Neste senso hai que ter en conta que a instalación a gran escala de aeroxeradores non beneficia en nada ás comarcas, dado que o emprego que xera esta actividade ten un curto horizonte temporal -a modo de exemplo de tan só 5 meses de obra no parque eólico Soesto- pero, a cambio, degradan a paisaxe de maneira radical e permanente, esas mesmas paisajes que supoñen un valor económico insustituible a nivel turístico e social” -explica a asociación no seu comunicado-.
PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS AO PARQUE EÓLICO SOESTO ATA O 31 DE OUTUBRO
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana ven de preparar unhas alegacións públicas xerais que están dispoñibles para a súa descarga en ir.gl/alegasoesto. O prazo de entrega finaliza o luns 31 de outubro.