Foi o martes pola tarde en sesión parlamentaria cando o Director Xeral de Minas, Bernardo Tahoces, en resposta a preguntas do deputado de En Marea, Pancho Casal, e ao grupo do PSdeG cando anunciou a apertura de expediente á propietaria dos terreos da antiga mina de Touro (Explotaciones Gallegas), e á súa vez socio principal da promotora do proxecto de reapertura da mina en tramitación (Cobre San Rafael). Este acto vén derivado das denuncias formuladas pola asociación Aldea Viva por mor dos rebordamentos dunha balsa mineira na corta de Bama sobre o Río Brandelos acontecidos fai varias semanas.
Mentres, ese mesmo día pola mañá tiña lugar un acto de presentación aos medios de comunicación do Proxecto da Mina de Touro polo seu director Alberto Lavandeira. A asociación Aldea Viva lamenta que o señor Alberto Lavandeira utilizase o acto para insultar e menosprezar á xente, veciñas e comunidade científica que se están a pronunciar públicamente contrarios ao proxecto da mina de Touro, aos que tildou de “iluminados” e acusou de manteren posicionamentos “ideolóxicos” por defender os seus intereses que son contrarios aos da mineira.
Aldea Viva cualifica de “publicitario” o acto da empresa mineira. E como tal, a empresa obviou así falar dos riscos que supón unha balsa de lodos de máis de 80 m de altura e 3 km de longo situada ao lado dun núcleo de poboación de máis de 40 persoas, e que tal como se recolle no propio proxecto, ten un risco alto de falla; como tampouco fixo referencia algunha ás incursións en fincas para facer sondeos non autorizados.
Unha vez máis e contrariamente ao que consta no proxecto en tramitación, o señor Lavandeira negou que se vaian utilizar produtos químicos no proceso e extracción; tamén contrariamente aos ditames da comunidade científica internacional aos que fai referencia a Sociedade Galega de Historia Natural que demostran que varios destes produtos están catalogados como perigosos, e en ningún caso como elementos inocuos.
O director do proxecto mineiro tamén evitou pronunciarse sobre o estudo económico. A este respecto profesores da Universidade de Santiago como Xoán Doldán, cualificaron o estudo económico de “inexistente”, no cal no se detallan os datos mínimos para poder facer unha verdadeira análise económica, así como existencia de erros palmarios como extrapolar á minaría metálica datos correspondentes a outro tipo de actividades extractivas nas que a transformación do produto se fai na propia comunidade.
Aldea Viva pon en dúbida o respecto medioambiental que publicita a empresa mineira e pídelle novamente á Administración que na tramitación da autorización do Proxecto Touro aplique o principio de prudencia e cautela e informe desfavorablemente o estudo de impacto ambiental.