Para a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana a nova edición de “A luz da ciencia no Dolmen de Dombate” presenta un falsario debate á Fundación Starlight sobre a protección do ceo nocturno nunha bisbarra “azoutada” polas luces parasitas de ducias de proxectos enerxéticos xa instalados ou en proxecto.

Para a entidade a certificación como “ceo nocturno de referencia” é algo totalmente incompatible coa situación actual na zona xa que “os escintileos permanentes de múltiples aeroxeradores de gran porte dificultan seriamente a observación astronómica e impiden a toma fotográfica en condicións idóneas”.

Salvemos Cabana recorda que tal como fixeron constar o pasado ano dende o observatorio de Forcarei (Pontevedra), a Asociación Astronómica de Vigo e outras entidades ante o avance deste tipo de plans industriais a gran escala a calidade de visionado celeste redúcese notablemente, ben polas turbulencias das correntes de aire provocadas polas turbinas dos aeroxeradores, cuxo efecto nótase a kilómetros de distancia, ben polas luces nocturnas de posición das máquinas, que crea un mar de escintileos parasitos imposibles de salvar nas fotografías.
Neste senso os especialistas consideran que para unha adecuada observación astronómica é fundamental a transparencia e a estabilidade do aire da contorna, así como a total ausencia de iluminación artificial que favoreza o horizonte nocturno.

Doutra banda para o colectivo “chama a atención” que José Muíño Domínguez (PP), alcalde de Cabana de Bergantiños, figure como un dos promotores das xornadas sobre “A protección do ceo nocturno, Fundación Starlight e contaminación luminosa” no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate fose un dos rexedores “que máis ven de contribuir ao problema do ceo nocturno da Costa da Morte non só polo seu constante apoio á implantación masiva de parques eólicos senón pola instalación de farois led de alta intensidade no seu propio concello” que “veñen de orixinar un notable factor de contaminación lumínica en determinadas parroquias”.
De feito, o grupo expón que “dende a chegada da iluminación led a nivel de alumeado público, os datos científicos demostran que é un dos principais factores que está a contibuir ao incremento dunha afección nocturna que xa afecta a máis do 75% do territorio europeo, dado que a luz procedente deste tipo de sistemas proxéctase fóra da zona a iluminar dispersándose a nivel atmosférico, incrementando o brillo do fondo do ceo e minimizando a luz dos astros nun feito denunciado pola comunidade astronómica internacional”.
Por estes motivos o colectivo non entende a participación da Fundación Starlight “nun evento carente a día de hoxe e nas actuais circunstancias dun fundamento real que soporte a proposta”, máis tendo en conta que segundo a entidade “os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes cualidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas basadas neste recurso natural”.