A Asociación Petón do Lobo pide ao alto comisionado do Parlamento de Galicia que apremie á Consellería de Industria a levar a cabo a execución directa do plan de restauración da antiga explotación mineira de cuarzo e áridos aprobado en 2014 ante a imposibilidade de cobrarlle á empresa responsable da desfeita provocada pola actividade extractiva ao estar xa disolta por resolución xudicial firme.

Balsas mineiras na zona, aínda sen restaurar / Petón do Lobo

Doutra banda, Petón do Lobo tamén solicita unha ampliación do citado plan de restauración, cuantificado pola Administración galega en 794.000 euros, e que se proceda tamén ao drenaxe e selado das balsas mineiras das antigas minas de wolframio, co obxectivo de protexer a seguridade persoal e medioambiental da contorna.

A problemática situación das explotacións mineiras do monte Neme xa ven de lonxe, pois no mes de febreiro de 2014, unha das balsas situada a carón do cumio rebentou producindo unha riada de máis de 24.000 metros cúbicos auga e lodos sobre dúas parroquias de Carballo e Malpica de Bergantiños, provocando danos por un importe total de 140.758 euros.

O pasado verán, indican dende Petón do Lobo, a falta de seguridade e restauración neste complexo mineiro provocou que determinadas persoas sufrisen problemas de saúde logo de bañarse en dúas das balsas da canteira, problema que a Xunta tentou atallar recentemente investindo outros 147.168 euros no valado desa área en concreto que de nada serviron, pois ás poucas semanas da súa instalación xa presenta varias fendas que seguen a permitir o acceso de particulares, segundo denuncia o colectivo.

Para a asociación «ante esta situación de completo fracaso das medidas de protección establecidas pola Dirección Xeral de Minas da Xunta cómpre protexer de inmediato a contorna e proceder a executar de xeito directo un plan de restauración integral no cumio do monte, que limite os riscos e devolva o seu valor paisaxístico e ambiental, na medida do posible, a este simbólico cumio da comarca coruñesa de Bergantiños».

DEJA UNA RESPUESTA