A Plataforma veciñal Cornado Mina Non recorda que tal como indican numerosas organizacións sociais e ecoloxistas o notorio déficit de seguridade co que a empresa actúa na súa mina onubense dá a entender que no seu proxecto galego a instalación dunha tecnoloxía de custe tan elevado como a do espesado e desecado dos lodos tóxicos do proceso de recuperación do mineral vai ser un máis dos incumprimentos da mineira.
O colectivo explica que o factor clave para comprender a inviabilidade do “novo” proxecto planteado por Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas a través da súa filial Cobre San Rafael reside en que a publicidade realizada pola mineira sobre a súa filosofía de “vertedura cero” é o feito do suposto espesado de lodos a través da eliminación de auga favorecendo un presunto “almacenado en seco” e unha total seguridade ante accidentes mineiros.
Neste senso, os expertos advirten que para evitar desastres medioambientais por rotura de balsas como o sucedido en Aznalcóllar (Sevilla) en 1998 ou más recentemente en Brumadinho (Brasil) en 2019, a clave é espesar os lodos e reducir a porcentaxe de auga dos mesmos tanto como resulte posible, dado que a presenza de agua multiplica o risco de licuación e o paso de sólido a líquido do material almacenado, o que ante un fallo dos diques de contención dunha presa mineira podería provocar unha catástrofe a gran escala.
Para Cornado Mina Non a cuestión é que desde que a principal explotación de Atalaya Mining, Riotinto, reanudou operacións en 2015 os relaves mineiros -a vertedura de residuos- contén, segundo datos da propia compañía un 65% de líquido e un 35% de sólido, “o que convirte ao seu sistema de balsas nunha auténtica bomba de reloxería para a zona costeira de Huelva“.
Segundo un estudo da compañía Ayesa, que en 2014 avaliou os riscos da reapertura do proxecto, “tan só a vertedura dunha fracción dos lodos almacenados en Riotinto provocaría unha catástrofe que podería multiplicar o impacto do accidente de Aznalcóllar“, pois se esta catástrofe supuxo a vertedura de seis millóns de metros cúbicos de lodos cun coste ambiental inabarcable de 240 millóns de euros en tarefas de descontaminación e restauración, “Riotinto ten o potencial para provocar unha vertedura ata dez veces maior”.
Ante estes feitos, para a entidade veciñal, “a conclusión está clara” pois “se a empresa actúa con semellante déficit de seguridade en Riotinto, que é o seu principal proxecto, en Touro a realidade non vai ser distinta, máis tendo en contra que a baixa lei do xacemento impide que poda instalarse unha tecnoloxía de custe tan elevado como a do espesado e desecado dos lodos tóxicos derivados do proceso de recuperación do mineral”.
Cornado Mina Non rexeita por estes motivos as falsas promesas que dende a mineira intentan confundir -e en último termo convencer- tanto a confrarías como a produtores de cultivos mariños pois a realidade para o colectivo “non deixa lugar a dúbidas” pois “se venda como se venda, o de Touro é un proxecto que polas súas características e impactos é e será inviable e no que os riscos e o pernicioso legado ambiental non compensa en absoluto os supostos beneficios” que Cobre San Rafael e a súa asociación instrumental de “Mineiros Touro-O Pino” pretenden.
UTILIZACIÓN INTERESADA DA TRANSICIÓN ENERXÉTICA POR PARTE DA MINEIRA
Doutra banda, a entidade alerta de que a nova proposta para a mina de Touro pode supoñer un desastre de “clase mundial” para as comarcas de Santiago e Arzúa, o Ulla e a ría de Arousa.
A pltataforma explica que de cara a convencer aos potenciais investidores “a mineira incrementou a cifra de recursos inferidos sobredimensionando o xacemento de cobre ata as 103 megatoneladas fronte ás 91 iniciais”, incidindo en que a día de hoxe entre as zonas de concesión de explotación, exploración e investigación “a empresa segue a manter unha aberrante -e alarmante- cifra de extensión potencial que oscila entre as 12.270 hectáreas de superficie da súa presentación corporativa e as 15.300 que aparecen na súa documentación técnica repartidas entre as empresas Cobre San Rafael S.L., Explotaciones Gallegas del Cobre S.L., Minas Metálicas del Noroeste S.L. e Río Narcea Nickel S.A.”, unha área que na práctica “multiplica por cinco a superficie metropolitana de Santiago de Compostela”.
Sen embargo, a última estratexia da mercantil -en definitiva de Atalaya Mining- é a de utilizar a alusión ao termo “world class” (de “clase mundial”) intentando manipular á opinión pública coa suposta importancia dun xacemento que en realidade é de baixa lei (0,41 gramos de cobre por tonelada de rocha procesada) tal e como demostran os últimos estudos que manexa a compañía.
Para Cornado Mina Non, isto non supón máis que un novo intento “de utilizar a excusa da transición enerxética” para promocionar un proxecto “que non é difícil intuir que en esencia en pouco ou nada se vai diferenciar do xa presentado con anterioridade, finalmente rexeitado pola Xunta pola súa inviabilidade técnica e ambiental e desautorizado maioritariamente pola sociedade galega“.