A Fundación Eduardo Pondal cala sobre os impactos negativos dos proxectos eólicos sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte

0
5

A entidade do lugar de O Couto (Ponteceso), moi próxima ao PP, tratou estes días nunhas xornadas financiadas grazas á colaboración de dous deputados provinciais do BNG o tema do megalitismo como recurso, omitíndose calquera referencia aos numerosos impactos negativos dos 21 parques eólicos en tramitación que ameazan con destruir para sempre a fisionomía das comarcas afectadas e moitas das paisaxes louvadas polo bardo pontecesán.

Un total de 21 proxectos eólicos ameazan o patrimonio natural e cultural da Costa da Morte / Wikimedia Commons

Nas mesmas participaron do 17 ao 19 de xuño diferentes intervintes -algúns deles moi afíns as actividades da fundación-, tales coma o escritor Xan Fernández Carrera, os arqueólogos Antón Rodríguez Casal, Puri Soto e José María Bello Diéguez, e outros como Evaristo Domínguez Rial, Xosé Manuel Varela -secretario do colectivo A Rula-, Pablo Sanmartín, o concelleiro de Laracha Jesús Souto, o cuestionado alcalde do PP en Laxe José Luís Pérez Añón, o mediático físico Jorge Mira, o voluble xefe técnico da sección provincial de Arquitectura e Patrimonio Luis Jaime Rodríguez e os deputados provinciais do BNG Xesús Regueira Varela e Xosé Luis Penas Corral, coñecidos pola súa proximidade a moitos dos postulados que defenden os alcaldes do Partido Popular a nivel provincial. Polémica foi a participación dun alto cargo do PP no Goberno Feijóo, Nava Castro, algo que xa é habitual nos eventos organizados pola Fundación dado que José María Varela Martínez, o seu xerente, é asesor da formación política en Cabana de Bergantiños.

O encontro, sen embargo, contou con cero referencias ao impacto da morea de parques eólicos que amenazan o territorio da Costa da Morte e o seu patrimonio cultural, algo que supuxo unha notable decepción para as moitas persoas sensibilizadas na zona con esta problemática que actualmente atópase descontrolada no territorio galego debido as agresivas políticas desenvolvidas neste senso polo Goberno Feijóo á fronte da Xunta de Galicia.

CARTA ABERTA ANTE A CRISE XERADA POLA FALTA DE CONTROL SOBRE OS PARQUES EÓLICOS E O SEU IMPACTO SOBRE O PATRIMONIO

Nunha carta aberta, o exconcelleiro de Cultura de Ponteceso e activista Carlos Penedo, que dende a Plataforma Salvemos As Salgueiras e a Rede Galega por un Rural Vivo loita sen descanso para paralizar esta voráxine destrutiva e coñece de primeira man o valioso patrimonio arqueolóxico da bisbarra, recorda que dende o propio concello escolleuse a figura de Eduardo Pondal pola súa vinculación co eido do megalitismo.

Penedo recorda que a Costa da Morte é rica en elementos patrimoniais de moito valor como arte rupestre, castros e patrimonio etnográfico e relixioso, atesourando gran cantidade de petróglifos, mámoas, dolmens, pedrafitas, castros, cruceiros, igrexas e un longo etcétera.

Sen embargo, para o activista, neste momento “é visible o abandono da gran maioría destes elementos patrimoniais” pola deixadez dos servidores públicos como “responsables desta mala conduta”. Para Penedo, “a protección da Cultura ten que ser prioritaria”, máis tendo en conta que a día de hoxe, “hai unha gran praga” coa implantación descontrolada de parques eólicos “que ameaza ao patrimonio do país e da Costa da Morte”, dado que este tipo de proxectos “invaden os montes” e “deixan desprotexido” un legado cultural “de primeira orde”.

Para Carlos Penedo “a Cultura é un dereito” razón pola que “hai que actuar inmediatamente” recordándolle á Fundación Eduardo Pondal e aos seus responsables, así como aos rexedores municipais implicados, que “as entidades públicas deben solicitar a paralización dos novos parques eólicos e deseñar un novo modelo eólico galego no que o patrimonio goce de máxima protección

A Costa da Morte ten agora mesmo, en tramitación, 21 parques eólicos. Poden imaxinarse o desastre para o noso patrimonio arqueolóxico?” -remata o exconcelleiro-.

Dejar respuesta