O Ministerio de Traballo e Seguridade Social esixe tamén o establecemento de medidas de protección para garantir a súa seguridade e evitar contaxios.
A Inspección de Traballo da Seguridade Social vén de requirir da Xunta que faga test a todo o persoal e residentes cando haxa sospeita dun positivo. Na súa proposta de requirimento exixe ademais o establecemento de medidas de protección ao persoal traballador de forma que se garanta a súa seguridade fronte o risco de infección polo COVID 19, entre as que está EPIS adecuados, protocolos, formación ou test masivos.
A CIG xa presentara denuncia perante esta Inspección o pasado 18 de marzo, porque segundo a central sindical a Xunta de Galicia “non estaba a tomar ningún tipo de medidas de protección fronte o virus, eludindo o seu deber de cara ao seu persoal e as persoas usuarias dos centros sociais residenciais de xestión pública”.
A nivel xeral, a CIG valora positivamente as medidas requiridas no documento da Inspección, malia considerar que “chegan tarde”. Neste sentido denuncia que “por mor da falta de medidas preventivas aplicadas con celeridade pola Xunta, na actualidade existen casos de persoas contaxiadas polo COVID-19 en case todos os centros”. Porén, subliña, “a día de hoxe a Xunta segue sen informar do número real de persoas infectadas (traballadoras e usuarias) a pesares de que no mesmo requirimento establece esa obriga”.
A XUNTA TERÁ QUE MUDAR AS AVALIACIÓNS DE RISCO NOS CENTROS
No documento do requirimento da Inspección salienta a obriga da Xunta de modificar as avaliacións de riscos laborais dos centros, co obxecto de introducir os derivados da infección polo COVID 19, incluír as medidas de protección a adoptar por cada departamento (non valen xerais), en función da exposición na que se atopen, e tarefas que realicen.
Así terá que xustificar ante a ITSS, que implantou estas medidas inmediatamente para garantir a protección de todo o persoal: informar sobre os protocolos de seguridade, EPIS coas súas fichas técnicas, a formación impartida e elaborar un listado de traballadores/as expostos de xeito individualizado por centro.
Se existe sospeita (corentena) ou contaxio confirmado dalgunha persoa residente, a ITSS marca como obrigatoria a protección máxima dos traballadores e traballadoras (criterio SERGAS), con protocolo, EPIS axeitados e formación para este escenario.
No caso de traslado ao centro sanitario, indicarase previamente o protocolo a seguir polo persoal (incluída coordinación coa ambulancia…). Hai que facer test para descartar contaxios e informarase ao persoal do seu resultado. Para a central sindical é positivo que a inspectora requira a realización de test a todas as persoas do centro cando exista sospeita de infección, así como a toma de medidas máximas.
A Xunta, ademais, debe xustificar a información que proporcionou ao persoal sobre a obriga de comunicar estados biolóxicos que os converten en persoas especialmente vulnerables e, polo tanto, en traballadores/as sensibles para a súa protección. É dicir “tiña que informar ao persoal de quen é persoal sensible, a súa obriga de comunicalo e protexelos do risco”, matiza.
Ademais a Administración galega terá que xustificar á inspectora a información adecuada que lle teñen que dar ao persoal traballador e aos seus representantes (OOSS).
INEPTITUDE E INACCIÓN DO GOBERNO GALEGO
A CIG conclúe que este requirimento vén confirmar a “ineptitude e inacción da Xunta de Galicia na xestión dos centros sociais residenciais. Máis cando estamos a ver o que sucedeu nas residencias de maiores de Madrid ou Cataluña”.
Denuncia que, porén, “o goberno da Xunta segue a mirar para outro lado cando lle corresponde pór as medidas preventivas. Ten tamén competencia para ditar as resolucións, disposicións e instrucións necesarias, tal e como se recolle no BOE.
Por iso a central sindical non entende como “un mes despois de que comezáramos a demandar medidas siga sen actuar obrigando ao persoal a traballar sen EPIs nin protocolos preventivos e teña a pouca vergonza de xogar coa saúde do seu persoal e dos nosos maiores para facer campaña política”.
Sí a la Tierra Viva denuncia ante el rectorado la utilización de la institución para…
Harvard desafía a la administración Trump y denuncia el chantaje político disfrazado de lucha contra…
Un nuevo rescate multimillonario, una nueva crisis social. Washington aprieta mientras Milei entrega soberanía a…
Europa cierra los ojos. Estados Unidos corta la ayuda. Y las grandes potencias alimentan el…
El padre de Elon Musk desata una guerra familiar mientras el magnate se hunde entre…
El sensacionalismo mediático de la industria espacial privada intenta reescribir la historia a golpe de…