En Marea asegura que mentres hai quen segue negando que existe, o machismo segue matando e apela a erradicar a violencia machista para poder vivir en liberdade

Santiago, 26 de xaneiro de 2020.-  A noite do sábado coñeceuse que un home matara presuntamente á súa compañeira no concello de A Pastoriza (Lugo) e posteriormente se quitara a vida, nun probable caso de violencia de xénero que investiga a Garda Civil.

De confirmarse que se trata dun asasinato machista, esta sería a sexta muller asasinada no que vai de 2020 por violencia de xénero, elevando a 1039 as vítimas mortais dende 2003, ano no que comezaron a rexistrarse estes asasinatos. Este caso sería o terceiro nesta semana, despois de que un home matara á súa compañeira en presenza dos seus dous fillos en Toledo o mércores e outro asasinara a coiteladas á súa parellaen Granada o xoves.

Dende A Marea Feminista critican o pouco rigor informativo amosado unha vez máis por algúns medios de comunicación, por publicar os nomes e apelidos completos de vítima e agresor inda estando o caso en investigación, saltándose os protocolos de boas prácticas sobre violencia machista.

Para a Marea Feminista, aloita contra a violencia machista so pode ser exitosa se asumimos que o asasinato so é a punta do iceberg, e que a raíz está nunha compoñente social e cultural que cómpre mudar completamente. Negar o feminismo como ideoloxía motriz da igualdade é negar a xustiza de xénero e condenar ás mulleres ao xugo patriarcal.

Construír unha política verdadeiramente feminista segue sendo unha tarefa pendente. De nada vale por unha banda lamentarse, como fai publicamente o presidente da Xunta cando ten lugar un asasinato machista mentres pola outra o seu partido pacta con formacións negacionistas da violencia machista.

A loita contra a violencia machista ten que ser absolutamente prioritaria legal e orzamentariamente, porque sen unha porcentaxe do orzamento dedicada a iso non hai compromiso.

A reacción institucional á violencia segue dependendo da denuncia das mulleres, facendo recaer exclusivamente sobre elas a responsabilidade de actuar, cando en xeral neses momentos non están en condicións de facelo. Cómpre unha rede de servizos sociais, médicos e educativos máis ampla que poida detectar e reaccionar ante estas situacións, dotada de recursos e ferramentas para aportar na loita contra a violencia machista.

Estamos en emerxencia feminista, porque mentres hai quen segue negando que existe, o machismo segue matando. Cómpre erradicar a violencia machista para poder vivir en liberdade.

Let’s block ads! (Why?)