Redacción Galiza | En Marea

Dende a Marea Feminista (En Marea) consideramos insultante, irresponsable e neglixente que esta guía editada polo SERGAS e a Xunta de Galicia continúe divulgándose dende a páxina web do SERGAS:

https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Documents/70/folleto_general_metodos%20anticonceptivos.pdf

Parécenos inaceptable que dende un organismo como este se ofreza unha información sobre métodos anticonceptivos tan sesgada, escasa e con datos moi cuestionables, como que a “marcha atrás” teña unha eficacia do 73 ao 96%.   

É esencial incidir en que os métodos baseados no coñecemento da fertilidade (ou métodos naturais), non protexen contra as infeccións de transmisión sexual, ademais de non ser fiables. Sen embargo, nesa guía do SERGAS case se equipara a fiabilidade da “marcha atrás” (73-96%) coa do preservativo (98%).

A información que se facilita nesa guía, editada no ano 2010, pero inda difundida a día de hoxe na web do SERGAS, é dunha irresponsabilidade incrible: apenas alerta dos riscos dos métodos naturais, ao contrario, divúlgaos como métodos fiables indicando como vantaxes a súa gratuidade e asequibilidade.

Por outra banda, na guía dáse información sobre “anticoncepción de urxencia”, dun xeito tan sinxelo que resulta perigoso: A “píldora do día despois” é unha “segunda oportunidade” que nunca debe substituír aos anticonceptivos eficaces de uso regular. Non é un método anticonceptivo, é unha medida de urxencia para evitar o embarazo, pero en ningún caso é unha medida preventiva.

A cidadanía en xeral, e nomeadamente a xuventude precisa saber sobre sexualidade, métodos anticonceptivos e prevención de ITS dun xeito adecuado aos seus coñecementos e madurez, para poder vivir a súa sexualidade con plenitude e sen riscos para a súa saúde.

Dende a Marea Feminista parécenos lamentable que o SERGAS e a Xunta non fagan o máis mínimo esforzo por divulgar información sobre este tema dun xeito completo e actualizado, que fomenten a desinformación nalgo tan importante como é a educación afectivo-sexual..

Parécenos inaceptable a difusión deste tipo de guías, polo que esiximos a súa retirada inmediata, así como a elaboración dunha actualizada, completa e que dea información veraz.

Deja un comentario