Redacción Galiza | En Marea

Hoxe faciase pública o contido da sentenza que xulgaba os feitos acontecidos en Pamplona o 7 de xullo de 2016, durante as festas de San Fermín, ónde unha moza denunciaba unha agresión sexual múltiple. A pesar de que os feitos parecían claros e a pesares da enorme alarma social xerada a sentenza desestima a peticion, tanto da fiscalía como da acusación particular, de condena por agresión sexual.

A condena redúcese así de 25 a 9 anos de cárcere. Tamén resultan absoltos do delito de atentado contra a intimidade.

Dende a Marea Feminista entendemos  que se trata dunha sentenza a todas luces lamentable para as mulleres e que mostra unha vez máis a desigualdade e a desprotección á que nos vemos sometidas na nosa vida, unha sentenza que fica moi lonxe do que nos entendemos por xustiza ante os feitos coñecidos.

Vemos con grande preocupación a mensaxe que se transmite ás mulleres e á cidadanía en xeral con esta sentenza: En primeiro lugar, non podemos entender como pode non existir violencia nin intimidación cando unha muller é atacada contra a súa vontade por 5 homes que a penetran sen o seu consentimento e sen poder defenderse durante 18 minutos?

Por outra banda, é bastante incomprensible que os absolvan dun delito contra a intimidade cando grabaron e difundiron videos dos feitos. Xa que un dos xuices emitise un voto particular pedindo a absolución dos 5 integrantes da manada está fora de toda lóxica.

Insístese en que as mulleres denuncien calquera tipo de violencia, pero a realidade é que cando o fan vense soas, sen recursos aos que acudir e ante unha sociedade e unha xustiza cun machismo estrutural tremendamente enraizado.

Por todo isto, desde a Marea Feminista emprazamos a tódalas persoas a asistir ás diferentes concentracións convocadas hoxe por vilas e cidades, porque entendemos que ningunha agresión debe quedar sen resposta, porque neste caso a resposta non está á altura da xustiza e cremos afonda unha vez máis na desprotección das mulleres por parte do Estado. Porque seguiremos na rúa loitando por unha sociedade xusta e igualitaria lonxe do sistema patriarcal que para nós pervive e se reproduce a través de sentenzas coma esta. Porque se nos tocan a unha tocannos a todas e a manada somos todas. Hoxe todas á rúa! A loita continúa!

Deja un comentario