Unha vez mais, a violencia machista ensombreceu esta fin de semana do mes de agosto: o sábado, en Moaña, unha moza de 18 anos era agredida na rúa polo seu compañeiro, que chegou a perseguila e agarrala polo pescozo. O domingo coñeciamos o asasinato doutra muller en Cabana de Bergantiños: o home disparoulle dous tiros, en presenza dos seus fillos. O matrimonio estaba en trámites de separación.
Estes dous casos, salvando as diferenzas, dan conta dunha mesma realidade: a violencia machista, dun ou doutro xeito, acéchanos a todas, mais, fronte a isto, non debemos rendernos nin ser indiferentes ante o machismo. A sociedade en xeral debe falar, superar os silencios cómplices, denunciar, arroupar…
A violencia machista non se pode normalizar, non podemos insensibilizarnos vendo cómo se asasina a mulleres polo mero feito de selo, cómo morren a mans de quen se cren os seus donos, de quen, fronte á separación, fai seu o “ou comigo ou con ninguén”, “se non eres miña, non serás de ninguén”, de quen se cre inmune para poder arrebatarlle a vida a unha muller…
Toda a sociedade, no seu conxunto, somos tanto protagonistas como responsables no ámbito da violencia machista e os feminicidios: en cada unha de nos está manter ou rachar o sistema patriarcal, en cada unha de nos está educar e previr as violencias machistas, sensibilizar no noso entorno, corresponsabilizar, etc. Cada muller asasinada é un símbolo do noso fracaso individual e colectivo como sociedade. Non nos resignemos, sigamos facéndolle fronte ao machismo e ao patriarcado.
Os gobernos, as administracións públicas, pola súa banda, non poden escudarse en mandar mensaxes fomentando que se denuncie, pois facelo e despois non tomar tódalas medidas ao seu alcance para protexer ás mulleres é unha irresponsabilidade. Débense poñer recursos, persoal, investir en formación, etc. para previr e intervir en situacións de violencia machista, dun xeito transversal, en tódolos ámbitos, en tódalas idades… Pois neste contexto, os recortes tamén matan.
Os medios de comunicación xogan un papel esencial no tratamento dos casos de violencia machista, e lamentablemente, a pesares das guías de boas prácticas, as sesións formativas…, a día de hoxe, a realidade é que moitos medios reproducen un enfoque patriarcal, centrando as novas en victimizar aos asasinos (con aspectos como que estaban deprimidos, non tomaban a medicación, etc.) ou desviando o foco de atención a elementos alleos á propia incidencia (o estado dun can, azuzado polo dono fronte á policía, como aconteceu no caso de Moaña).
Os medios de comunicación informan, fan ideario colectivo, deben ser rigorosos. É inaceptable que se cuestione nos medios sistematicamente ás vítimas mentres se xustifica aos agresores. É inaceptable que se cuestione ás mulleres por tentar librar ás crianzas de agresores, pois os maltratadores non son bos pais.
Non caben escusas para os crimes machistas. Non é de recibo buscar a compaixón cos asasinos machistas.
Dende a Marea Feminista seguiremos arroupando a tódalas mulleres, denunciando as violencias machistas e o tratamento inapropiado que se fai das novas nos medios de comunicación, seguiremos esixindo ás administracións a implementación de medidas reais e eficaces para erradicar calquera tipo de violencia machista, por nos, polas que xa non están, e polas que virán, por iso, emprazamos a toda a cidadanía a unirse ao movemento feminista nas concentracións que terán lugar, como noutras ocasións, en repulsa por este novo feminicidio.
#QuerémonosVivas #QuerémonosLibres