Menos dunha semana despois de saír ás rúas en repulsa contra o asasinato machista que tivo lugar na Coruña, Marea Feminista faise eco de que en Marín un home era detido por acoitelar á súa cónxuxe, que se atopa en reanimación, fóra de perigo, tras ser operada de urxencia.

Nesta ocasión, a policía foi informada pola veciñanza, despois de ser alertada por unha das fillas, ante os ruídos provocados pola forte discusión que tiña lugar na residencia vacacional da parella, onde tamén se atopaba outra filla, ambas menores de idade. A agresión produciuse despois de que a muller lle comunicase a súa intención de iniciar os trámites do divorcio. Acoitelouna en diversas partes do corpo.

A cotío vemos cómo casos de violencia machista, en calquera das súas manifestación, sucédense a un ritmo de vertixe, sen que a maior sensibilización social nin as medidas adoptadas polas administracións públicas sexan quen de frealos.

Dende a Marea Feminista seguen denunciando que a día de hoxe, moitos homes inda consideran a liberdade conquistada polas mulleres como un atentado contra a súa identidade, que a día de hoxe inda haxa que xustificar por qué se trata de violencia machista e non de “violencia no ámbito familiar” ou “violencia doméstica”, que a día de hoxe se continúe cuestionando ás vítimas, que se continúe sen ofrecerlles recursos e alternativas seguras. “Sabemos que hai picos de risco vital para as mulleres nestas relacións: á hora de separarse, iniciar os trámites do divorcio, etc. e sabéndoo, a realidade é que cando o fan, están desamparadas“, indican dende a organización.

É acaído lembrar as verbas de Marcela Lagarde nas que afirmaba que un goberno que anima ás mulleres a denunciar e despois non toma tódalas medidas ao seu alcance para protexelas é un auténtico irresponsable.

Dende a Marea Feminista entenden “que a supresión ou recorte de boa parte dos dispositivos públicos de igualdade, a escaseza de formación das profesionais que interveñen nestes casos, a practicamente nula inversión en prevención, etc. son aspectos que dificultan moito poder implementar intervencións efectivas

Unha vez máis dicimos que non nos resignamos, que seguiremos loitando, por nos, polas que xa non están e polas que virán despois de nos, seguiremos concienciando, sensibilizando, manifestándonos, denunciando…. porque nos vai a vida nelo, porque nos queremos libres e vivas“, sentenzan.

#QuerémonosLibres #QuerémonosVivas

Deja un comentario