O colectivo dará comezo de contado a unha campaña informativa para alertar dos impactos negativos que para esta zona da Ribeira Sacra terá a instalación dos parques eólicos “Paradela” e “Serra das Penas” por parte de Enel Green Power España, filial da enerxética.

Imaxe da zona de obras dun dos parques eólicos de Endesa en Paradela / Stop Eólicos

Para a entidade, “resulta chocante” que a empresa máis contaminante do Estado tende “vender” a nivel público uns proxectos de “enerxía verde” á bisbarra lucense de Paradela “obviando os inasumibles impactos que a instalación de 27 aeroxeradores de gran porte terá na que ata o de agora era unha das paisaxes máis privilexiadas de Galicia.

Stop Eólicos insiste en que incluso é máis sorprendente “que Endesa fale das miles de familias que poden abastecer estes parques eólicos cando esas mesmas familias están a pagar a factura eléctrica máis cara a nivel estatal” nunha terra como a galega que “é excedentaria en canto a produción”. Un xcedente eléctrico “que repercute nas contas de resultados das grandes corporacións do sector, pero en absoluto na poboación”.

Critica tamén a Plataforma que a xeración de emprego destes proxectos é de carácter “precario e subcontratado” e que tan só terá vixencia durante a fase de instalación dos parques eólicos porque as tarefas de mantemento “apenas requieren man de obra”. Sen embargo -sinala- que non se está a falar “de canto emprego destruirán estes proxectos en sectores “tan consolidados coma o turístico ou o agrogandeiro” porque na práctica a instalación dos aeroxeradores “conleva unha serie de infraestruturas de evacuación eléctrica de media e alta tensión que terán que atravesar o territorio, quedando este convertido de facto en solo industrial”.

Stop Eólicos clarifica os impactos reais dos proxectos de Enel Green Power / Endesa: afeccións negativas sobre a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, o Camiño de Santiago, a paisaxe ou a biodiversidade son só algúns dos problemas xerados polos novos parques eólicos, o que consideran “moito beneficio para uns poucos grandes investidores” pero “un gran prexuizo para unha maioría social.

Finalmente, a Plataforma considera urxente un novo plan sectorial eólico “que respecte ás paisaxes singulares de Galicia” e un Goberno da Xunta “que vele polo interés xeral da poboación e non só polo beneficio das grandes empresas como se está a facer dende o Partido Popular” recordando que a miúdo as medidas “correctoras e compensatorias” autorizadas pola Consellería de Medio Ambiente convírtense en papel mollado mentres pouco a pouco o territorio esmorece, ao igual que o futuro do rural galego”.

DEJA UNA RESPUESTA