• TRAS O ARQUIVO EN FIRME DO EXPEDIENTE A MEDIADOS DE DECEMBRO, A
    PLATAFORMA VOLVE A POÑERSE ALERTA. O NOVO ANO TRAERALLES O VERTEDOIRO
    ENCUBERTO DISFRAZADO DUN NOVO PLAN DE RESTAURACIÓN DA CANTEIRA.
  • MINAS REQUIRIU, Á EMPRESA DONA DA CANTEIRA, A PRESENTACIÓN DUN PLAN DE
    LABOREO E COMEZAR A ACTIVIDADE MINEIRA ANTES DE TRES MESES SE NON QUERE
    PERDER A CONCESIÓN MINEIRA.

Varios membros da plataforma Casalonga Limpa foron recibidos onte na subdirección xeral de minas para revisar o expediente do “temible” plan de restauración da canteira presentado pola empresa de residuos Toysal. Expediente imprescindible para a explotación mineira Casalonga 6996.

Unha cadea humana de 2km de longo rodeou a canteira no mes de setembro en resposta a este plan de restauración presentado pola empresa dona dos terreos. O “macrovertedoiro camuflado” tivo en fronte unha oposición social contundente.

Finalmente a mobilización veciñal tivo os seus froitos e a plataforma puido constatar, tras acceder onte ao contido do expediente en minas, que este 15 de decembro foi arquivado en firme.

Pero non todo foron boas novas. Tras denegar definitivamente o anterior plan, Minas requiriu a empresa a presentación dun plan de laboreo para o vindeiro mes de xaneiro e disporá dun prazo de tres meses para comezar coa actividade mineira. Se non entrega un novo plan de restauración ten a obriga de aplicar o feito por Camilo Carballal, antigo dono da canteira.

Así. Lonxe de ter rematado este pesadelo para os habitantes de Teo, Padrón e Ames, o novo ano traeralles o obrigado plan de labores e, posiblemente, un novo plan de restauración co cal a empresa poida adicarse a súa verdadeira actividade: a xestión dos residuos, aproveitando o oco da canteira como vertedoiro.

Dende a plataforma chegan á conclusión de que o único xeito de rematar definitivamente co problema é modificar a lexislación estatal e autonómica que permite o emprego das canteiras como vertedoiros, así como unha maior protección do espazo do monte de Casalonga no PXOM de Teo.