A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, na súa calidade de Plataforma en defensa do medio ambiente e da saúde das persoas, quere denunciar publicamente o desastre ambiental que se ven producindo no río Tambre durante as dúas últimas semanas.

O día 22 de xuño uns veciños da zona observaron a aparición de gran cantidade de peixes mortos (sobre todo escalos e troitas) no río Tambre ao seu paso por Ponte Albar. Ademais o río presentaba unha tonalidade moi escura, con escuma e desprendía mal cheiro. Membros da Plataforma avisaron de inmediato ao 112 e ao Seprona, que se presentaron na zona, ademais de técnicos de PCV que tomaron mostras. Os investigadores situaron a orixe do problema entre Chaian e a Ponte Albar.

Días despois os socorristas de Tapia confirman que tamén apareceron peixes mortos durante ese mesmo fin de semana nas augas do Tambre ao seu paso pola praia fluvial e incluso chegaron a prohibir o baño durante un tempo ata que as autoridades pertinentes levantaron o veto.

O sábado 7 de xullo, os socorristas de Tapia víronse de novo obrigados a restrinxir o baño na praia fluvial pola aparición de peixes mortos, prohibición que se mantén durante o domingo. Repítese a situación do día 22 de xuño e, unha vez máis, o Tambre no seu transcurso por Ponte Albar presenta escuma, cor moi escura e un cheiro nauseabundo, polo que se volve a alertar ás autoridades.

A Plataforma e a veciñanza en xeral de Grixoa e Fecha, ademais dos socorristas da praia fluvial de Tapia, queremos manifestar a nosa indignación e preocupación pola alta mortaldade de peixes con orixe aínda indeterminada. Sorpréndenos a escasa difusión que o feito está a ter nos medios de comunicación pese á súa gravidade e reiteración no tempo, e cremos que esta situación de alarma medioambiental require da intervención urxente das distintas administracións.

A Plataforma solicita ás autoridades competentes unha investigación rápida e eficaz, pois estase causando un dano grave ao medio ambiente e expoñendo a un posible perigo a saúde das persoas. Recordamos que, no percorrido do Tambre cara a ría de Noia, varias poboacións se abastecen das súas augas, aparte de utilizarse tamén para fins recreativos. Por isto, consideramos que as propias administracións deberían alertar da situación nos medios de comunicación en caso de perigo pois, ademais de Tapia, existen numerosos puntos de baño e ocio acuático non vixiados que poden estar sendo utilizados por nenos e maiores nesta época estival.

Deja un comentario