A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes presentou, a finais da semana pasada, unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente polas irregularidades na xestión dos residuos que se está a facer na canteira de Miramontes. A partir de toda a información dispoñible, a Plataforma elaborou dous informes, un referido á planta de elaboración de tecnosolos e outro relativo ao vertedoiro, que entregaron ao Ministerio Fiscal para que valore se considera oportuno iniciar investigacións por un posible delito medioambiental.

Por outra banda, membros da  Plataforma e unha representante de Ferusa, tamén se reuniron  co subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, da Consellería de Sanidade, co fin de manifestar a preocupación da Plataforma polos posibles problemas para a saúde de traballadores e veciños que pode ocasionar (na actualidade e no futuro) a xestión dos residuos que se fai no Complexo Ambiental. O risco para a saúde pode vir por varias vías: os vertidos e escorregas procedentes da planta de elaboración de tecnosolos están poñendo en perigo a calidade das augas e dos solos e, por outra banda, a emisión de gases do vertedoiro, cuxa intensidade está aumentando co paso do tempo a xulgar polos continuos e insoportables cheiros, tamén inflúe na calidade do aire que respira a poboación máis próxima ao Complexo.

O subdirector entendeu a preocupación dos veciños e comprometeuse a estudar o caso, comezando por solicitar información a todos os organismos implicados: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Augas de Galicia, Concello de Santiago…

Seguindo coa axenda prevista, este mesmo martes hai concertada unha reunión co alcalde Martiño Noriega e o concelleiro Xan Duro, na que se tratarán as novidades respecto á problemática de Miramontes e se debaterán os seguintes pasos a dar.

DEJA UNA RESPUESTA