A mobilización levarase a cabo o día 13 ás 20:30 horas e percorrerá algunhas das principales rúas da localidade luguesa.
A entidade levará tamén esta semana unha reunión con Mª Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo, co obxectivo de informar sobre as reivindicacións do colectivo, como son a edificación dun novo centro público para Sarria e a situación na que actualmente se atopan as e os escolares logo do traslado á antiga Escola Fogar, edificio anexo ao colexio.
Como xa quedou patente na súa última asamblea,
as familias rexeitan as condicións nas que se atopan os cativos, con
aulas que non cumpren os requisitos mínimos esixidos pola lexislación
vixente, cheiros, humidades, carencia de espazos esenciais a nivel
educativo e mesmo serias limitacións nos momentos de lecer do alumnado.
Neste senso, critican non só as condicións impostas pola Xunta, senón a actitude seguidista do equipo directivo do centro coa Administración educativa ante unhas condicións “tercermundistas” e “intolerables”, como está a acontecer coa utilización da antiga cociña do edificio para algúns dos recreos, un espazo con presenza de mofo nos teito, luces rotas e azulexos caídos e non repostos. Unha situación, ademáis, que non permite o movemento dos rapaces porque só se lles está a autorizar a utilización de xogos de mesa nos 30 minutos de ocio dos que dispoñen cada xornada.
Por estes motivos, dende a plataforma consideran que a solución máis válida é a edificación dun novo colexio logo de anos de poñer en risco tanto ao alumnado como ao profesorado nun edificio de máis de 50 anos de existencia e con risco de desplome, verificado polos propios informes técnicos en poder da Xunta. De feito, no ano 2011, o arquitecto colexiado Juan Bautista Pérez recoñeceu por escrito a existencia de graves problemas de corrosión nas armaduras do edificio e da baixa resistencia do formigón, alertando de problemas que no futuro “poderían ser serios”.