Logo da multitudinaria reunión celebrada este domingo na Casa da Cultura de Sarria, dende o colectivo teñen a intención de reunirse con con diversos representantes políticos da Cámara galega antes da celebración da convocatoria electoral do 5A.
![](https://i.ibb.co/NtLtzCy/Xornada.jpg)
Tal e como ven adiantando contrainformacion.es nas últimas semanas, as familias apostan pola edificación dun novo centro escolar que sirva para mellorar a actual situación e permita conquerir unha educación pública digna e de calidade para as rapazas e rapaces de Sarria, nunha infraestrutura “que cumpra cos requisitos dun colexio do século XXI” e garanta unha educación de calidade para que as próximas xeracións de escolares “teñan un centro que as formes como cidadáns e cidadás para contribuir a un futuro mellor”.
UNHAS INSTALACIÓNS INDIGNAS PARA A TAREFA ESCOLAR
No encontro celebrado esta fin de semana na Casa da Cultura de Sarria, no que participaron diversos expertos en edificación e estruturas, concluiuse que o actual edificio do CEIP Frei Luís de Granada destaca pola súa inseguridade e supón un factor de risco para os case 400 escolares que ata o de agora acudían as súas aulas con presenza de graves deformacións e fallas nos tabiques, portas e fiestras mal alineadas e unha actuación dende a Consellería de Educación absolutamente ineficiente dende o ano 2011, cando fixeron acto de presenza os primeiros problemas.
A solución aportada, pola Xunta, ademáis, non foi tal, segundo valoran membros do ensino e representantes da plataforma, pois o traslado temporal ás instalacións da antiga escola fogar incumpriu os requisitos máis básicos que marca a lexislación vixente para os centros educativos ao presentar problemas de accesibilidade, aulas de tamaño demasiado reducido e unha situación xeral do inmoble que presenta numerosas deficiencias como humidades, cheiros ou ausenza de ventilación nunhas instalacións vellas e non aptas para desenvolver adecuadamente a tarefa escolar.