O colectivo pertencente á Rede Galega por un Rural Vivo denuncia que o pasado venres 5 de agosto esta entidade de carácter público «moi vinculada ao Partido Popular nalgúns dos seus responsables» organizou «un acto a medida» para o encargado de Economía e Industria do Goberno Rueda, o mesmo que consideran «está a protagonizar dende o seu departamento unha verdadeira invasión de megaproxectos enerxéticos que non respectan o rural ao tempo que lle están a poñer todas as trabas posibles á cidadanía para presentar alegacións a través de diversos cambios lexislativos».

O grupo veciñal chama a atención sobre o feito de que Francisco Conde López «veña a Ponteceso a participar nun evento publicitario sobre avances medioambientais da mocidade preparado a súa medida ao tempo que permite dende a súa consellería e o Goberno da Xunta un aluvión de parques eólicos sen taxa que está a ter graves consecuencias tanto para as comunidades afectadas como para o paisaxe e natureza galegas, algúns dos cales denotan actuacións claramente irregulares da autoridade administrativa e unha notable falta de control por parte do seu departamento» poñendo como exemplo os casos dos proxectos da Serra do Iribio, Sasdónidas ou Corme.
No referente a este último proxecto a plataforma recórdalle ao conselleiro que este mesmo ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a autorización da Xunta para repotenciar o parque eólico «O Roncudo» (EDP Renovables), debido que a súa Administración reduxo á metade -de 30 a 15 días- o prazo para consultar a documentación ambiental sometida a consultas e presentar alegacións logo da súa declaración como de «interés especial» facendo uso da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresarias, popularmente coñecida como «Lei de Depredación».

Así, sinalan que a sentenza non só fala da ilegalidade desta medida senón que establece que «a primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas» no que respecta aos plazos de información pública nos procedementos de impacto ambiental.
EN DEFENSA DA MEMORIA DE EDUARDO PONDAL
Doutra banda, consideran que debido aos «reiterados actos de recoñecemento a membros do PP pouco favor lle está a facer a FEP á memoria de Eduardo Pondal «O Bardo», máis cando o seu presidente e alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, ven de ser denunciado en datas recentes por un caso de suposta prevaricación administrativa ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción nº3 de Carballo en relación cun decreto municipal que favoreceu a licencia á multinacional da repotenciación do parque eólico de Corme sen contar coas autorizacións sectoriais previas e preceptivas.
Para a Plataforma pola defensa do Monte As Salgueiras «este é tan só o último despropósito» dunha institución que aínda que a día de hoxe chea a súa boca co simbolismo do «Bardo» na práctica «non defende as paisaxes pondalianas» como ao seu xuizo xa se demostrou non só no proxecto de Corme senón tamén no caso do parque eólico «As Salgueiras», promovido por Norvento S.L., que afirman «pode causar un dano irreparable ao patrimonio natural da Costa da Morte» debido a que «aínda que as infraestruturas do parque eólico están incluidas en espectaculares unidades da paisaxe que o poeta louvou coma o Monte Branco, a Praia de Balarés, o Esteiro do Anllóns, os Cantís do Canteiro e as Brañas de Gondomil, a veciñanza leva anos esperando o pronunciamento da Fundación Eduardo Pondal en casos como este ou o citado de Corme por non olvidar o clamoroso silencio sobre os tres proxectos eólicos de EDP Renovables que ameazan con desfacer para sempre a mítica paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba».
Por todos estes motivos, manifestan o seu profundo rexeitamento ante o continuo apoio que a entidade está a recibir por parte dos deputados provinciais do BNG Xosé Regueira Varela (Turismo) e Xosé Luis Penas Corral (Patrimonio), cun soporte económico que por momentos para a FEP «antóxase como un grifo aberto» nunha «interminable chuvia de subvencións públicas que ano tras ano engrasan un mecanismo que a miúdo deriva en actos publicitarios que benefician -e moito- aos intereses do PP na Costa da Morte e a comarca de Bergantiños».

RENOVABLES SÍ PERO NON DESTE XEITO
A Plataforma pola Defensa do Monte as Salgueiras desexa facer constar como remate, que tras anos de loita contra o irracional sistema de implantación das coñecidas como «novas enerxías» e «quenes o defenden e amparan co seu silencio ou apoio», que «non está en contra das renovables», senón «dun modelo cruel e insensato que non respecta á veciñanza do rural, que é despiadado coa riqueza natural da Costa da Morte e Galiza e que pode ter e terá consecuencias imprevisibles para o futuro nun contexto que se adiviña de total incertidume».