A entidade presenta alegacións ao parque eólico Penas Boas e reclama “unha exhaustiva análise de sinerxias” sobre a Ruta Xacobea dos proxectos Felga, Gato, Feás, Fontella e Seselle “pola grande dimensión dos aeroxeradores e a súa proximidade ao Camiño Inglés a Compostela”.
A Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle “considera insostible” a implantación de aeroxeradores de gran porte na contorna do Monte do Gato, no corazón da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, pois según os plans da promotora do parque eólico Penas Boas, estase a falar de máquinas de 4,2MW, 123 metros de fuste e 150 metros de diámetro de rotor chegando a alcanzar os 200 metros de altura en punta de pa.
Para o colectivo “é ilusiorio” pretender como afirma a promotora (Greenalia) que este tipo de instalacións, ubicadas en cotas que van dende os 515 aos 527 metros na atalaia natural do Monte do Gato -dende a que chega a contemplarse mesmo a franxa costeira coruñesa- non terán apenas impacto na Ruta Xacobea, dado que ·en liña recta o Camiño Inglés sitúase a menos de 14 quilómetros” e “en relación co Camiño do Norte atópase incluso máis próximo”.
A isto, ademáis, hai que sumar o impacto acumulado dos outros cinco parques eólicos proxectados na zona, como son o Felga e o Gato, tamén de Greenalia, e o Feás, o Fontella e o Seselle, promovidos pola empresa Galenergy. Nestes casos, a distancia ao Camiño Inglés a Santiago é de 8,5 km. (Felga), 10 km. (Gato), 11 km. (Feás), 10 km. (Fontella) e 8,5 km. (Seselle).
Por este motivo, a plataforma “reclama unha análise profunda do impacto desta rede de 6 parques eólicos e 40 aeroxeradores”, razón pola que está a preparar a correspondente solicitude de amparo a Federación de Asociacións do Camiño de Santiago ante o que considera “unha situación de todo insostible non só no referente á protección do medio ambiente, senón a nivel patrimonial”.
OS VALORES DO CAMIÑO DE SANTIAGO FORMAN PARTE DA ESENCIA DE GALICIA
A entidade recorda que dende 1993, o Camiño de Santiago está declarado Patrimonio da Humanidade, ademáis de ser “un Ben de Interés Cultural de incomparable beleza patrimonial e paisaxística en activo durante máis de mil anos”, segundo a UNESCO “seguindo todavía as súas traxectorias orixinais e conservando as súas características históricas como testemuña destacada do poder e a influencia da fe entre as persoas de todas as clases sociais e orixes na Europa medieval”.
Por estes motivos a entidade non pode entender como, en pleno Xacobeo 2021, “pode plantexarse sequera a tramitación de tales proxectos, cun declarado impacto visual sobre unha das mellores paisaxes do norte galego, única polas súas características e singularidade” e “un ben a protexer, respectar e mellorar para as xeracións que están por vir”.