A ría de Arousa demanda xustiza ambiental e rexeita a reapertura da mina de Touro polos seus múltiples impactos negativos

0
9

Casi 60 organizacións vinculadas ao mundo do mar, o ámbito social e o ecoloxismo galego asinan un comunicado no que esixen que se respecte a lexislación vixente no referente á restauración da antiga mina de Touro desligada dun novo proxecto extractivo.

Imaxe da rolda de prensa celebrada 0 13 de novembro no plenario do Concello da Illa de Arousa / PDRA

Nun evento organizado no salón de plenos do Concello da Illa de Arousa pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Mina Touro O Pino Non, as entidades lembraron que o 25 de novembro de 2019 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia solicitoulle á mercantil Explotaciones Gallegas S.L. (ExGa), un proxecto integral de drenaxe da antiga mina de cobre de Touro, sendo reiterado ese requerimento o 2 de marzo de 2021 sen que se executara o proxecto temporal autorizado con anterioridade en 2018.

“Así, nestes 3 anos, esas augas contaminadas continuaron alcanzando o dominio público hidráulico (DPH) como viñan facendo nos 30 anos anteriores. As actuacións que cita a empresa como realizadas nos últimos 3 anos son actuacións sobre o papel, que nunca se levaron a cabo na realidade, non tendo, por tanto, ninguna consecuencia sobre o medio ambiente” -relatan as entidades asinantes nun comunicado conxunto-.

Ademáis, sinalan que a proposta presentada por Explotaciones Gallegas “excede con moito o ámbito do procedemento de autorización no dominio público hidráulico baixo o que se pretende tramitar” así como a autorización de vertedura, xa que “Augas de Galicia non pode asumir as funcións do órgano substantivo mineiro”.

Doutra banda, denuncian que “Ningún do obxectivos do proxecto de drenaxe integral, formulados por ExGa, coincide co requerimento realizado” pois o proxecto da empresa “deixa outra volta sen tratar as augas que rebordan desde a denominada balsa de Bama, agás dunha simples decantacións na antedita balsa e o mantemento do humidal reactivo que traballa con tecnosolos”.

Finalmente, consideran “inadmisible” que a planta de tratamento que se presenta “sexa diseñada para dar servizo á hipotética futura mina e non para tratar as augas que na actualidade drenan da corta de Vieiro ao Pucheiras”.

Por iso, valoran que “o actual proxecto de drenaxe integral debe estar incorporado a un verdadeiro plano de restauración que teña como obxectivo único asumir os pasivos mineiros e resolver o problema de contaminación existente actualmente derivado da anterior explotación e desligarse de calquera futuro proxecto que se poida presentar para a explotación mineira porque a restauración é previa a calquera novo proxecto de explotación, conforme á directiva europea“.

O MAIOR DESASTRE AMBIENTAL DE GALICIA CONFIRMA QUE A PROMESA DE RESTAURACIÓN DE COBRE SAN RAFAEL PARA A ZONA AFECTADA POLA MINA DE TOURO É PAPEL MOLLADO

En datas recentes, a Plataforma veciñal Cornado Mina Non denunciou que o denominado lugar do Portaguzo, situado no tramo medio do río Portapego, no concello de Touro, alberga a paraxe máis contaminada de Galicia co acúmulo de milleiros de toneladas de depósitos de sedimentación de lodos toxicos de mina cun grosor que nalgúns puntos alcanza varios metros de profundidade e que en toda a documentación presentada durante estes anos durante proceso de tramitación de Cobre San Rafael para levar adiante a reapertura da explotación de Touro e nos últimos anuncios feitos pola empresa de presunta “depuración” das augas coa instalación de dúas plantas de tratamento “non hai un só indicio por parte da filial de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas que invite a pensar que se vai facer cargo desta desfeita ambiental que non só afecta a este sector senón a ducias de quilómetros doutros regos e ríos da bisbarra que derivan finalmente na bacia do Ulla”.

Devastación ambiental do Lugar do Portaguzo, no tramo medio do río Portapego / Cornado Mina Non

O colectivo considera que ao final o anuncio da empresa supón un exercicio de “minería para incautos” dado que ao atoparse fóra do contexto da mina histórica e da propia concesión o suposto “novo” proxecto de Cobre San Rafael “non contempla -nin contemplará- restauración algunha para a inmensa afectación superficial e subterránea da actividade metalífera previa”.

Lugar do Portaguzo a vista de satélite / Google Earth

Sinalan, ademáis que tal como ven de expoñerse en Arousa “a restauración non ten que ser consecuencia do desenvolvemento dun novo proxecto como pretende agora a mineira“, senón que “a Administración ten que velar polo cumplimento da normativa aplicable, que neste caso indica de maneira clara que o adecuamento ambiental ten que ter un carácter previo e debe solventarse por parte da actual propietaria da concesión”, algo que “Explotaciones Gallegas está a obviar ao longo das últimas tres décadas”.

Decenas de entidades de toda Galicia reclaman a restauración urxente dos impactos derivados da mina de Touro nun procedemento desligado de calquera novo proxecto extractivo / Cornado Mina Non

Cornado Mina Non remata expoñendo que hai que ter en conta, ademáis “a operativa que está a seguir Atalaya Mining no seu proxecto andaluz de Riotinto”, dado que “acumula expedientes sancionadores, escándalos internos, altos niveis de sinistralidade laboral e incumprimentos en materia ambiental”, o que levou mesmo á Fiscalía a actuar de oficio, “poñendo así en cuestión calquera tipo de promesa que alén da propaganda ou a publicidade pagada poda facer a mineira para sacar adiante o seu negocio”.

Dejar respuesta