A Plataforma pola defensa do monte As Salgueiras retomará este 23 de outubro a tarefa de información e concienciación sobre o impacto da instalación masiva de aeroxeradores na biblioteca municipal ás 11:30 horas.
Esta nova edición das Xornadas Cantís do Canteiro contarán, baixo moderación de Carlos Penedo, representante da entidade e da Rede Galega por un Rural Vivo coa intervención de Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego Galego e Xoan Doldán, da Asociación Véspera de Nada, que debatirán abertamente sobre a actual avalancha de proxectos eólicos que está a padecer a Costa da Morte e as alternativas para o desenvolvemento dun modelo enerxético máis xusto e sustentable.
O obxectivo do evento, para o colectivo, é debatir sobre materias que interesan á xente pero que non están a contar coa participación social necesaria, como a xestión do territorio, a importancia da súa protección e o potenciamento nun novo modelo eólico e enerxético, considerado como algo imprescindible para a Comarca de Bergantiños e a propia Costa da Morte.
“Nestes tempos que indican cambios substanciais para nosa sociedade en especial para o rural. A Covid-19, o cambio climático e a transición enerxética xa esta afectando directamente as persoas. No rural a implantación descontrolada de parques eólicos esta traendo fortes impactos ao medio ambiente e as persoas que viven nas aldeas” -sinala a plataforma nun comunicado-.
O colectivo alerta de que o sector primario e o turismo tamén se están a ver “seriamente afectados” pola “implantación desproporcionada de aeroxeradores cuxa densidade e ubicación está determiñada polos intereses das grandes empresas dunha maneira “allea á necesidade de compaxinar a produción enerxética coa vida das persoas” e cos “sectores esenciais” para a vida das comarcas. Por este motivo a entidade fai un chamamento á participación da veciñanza nestas xornadas, dándolle así continuidade a estas palestras logo de superar a peor da pandemia e co obxectivo de encarar os moitos retos de futuro aos que se enfronta hoxe a Costa da Morte.
UNHA APOSTA POLA INFORMACIÓN E A CONCIENCIACIÓN
As Xornadas Cantís do Canteiro están organizadas Plataforma pola defensa do monte As Salgueiras co obxetivo de informar e concienciar á poboación. Na súa primeira edición versaron sobre o parque eólico As Salgueiras de Ponteceso e contaron coa presenza de Amancio Soutillo (ADEGA), Iñaki Varela (Verdegaia) e Carlos Penedo (Rede Galega por un Rural Vivo), que deron conta da problemática xerada pola implantación descontrolada de parques eólicos e a transición enerxética en Galiza.