Unha nova edición das xornadas Cantís do Canteiro prevista para o sábado 20 de novembro leva a percorrer á todas aquelas persoas sensibilizadas co prexudicial impacto do proxecto enerxético un sector do roteiro PRG-148.

Cartel da nova actividade organizada pola Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras.

A actividade, organizada pola Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras, partirá da Praza do Recheo de Ponteceso ás 10:00 horas e ten previsto desenvolverse entre as espectaculares vistas do Esteiro do Anllóns e a praia de Balarés.

Ademáis da plataforma, organizacións de forte implantación como Ecoloxistas en Acción e a Rede Galega por un Rural Vivo, na que participan entidades de todo o territorio galego, alertan de que este proxecto de Norvento S.L. na Costa da morte coruñesa afectará de maneira significativa a zonas de alto valor ecolóxico protexidas pola Rede Natura 2000 tales como o Monte Branco, a praia de Balarés, as Brañas de Gondomil, o Esteiro do Anllóns e os Cantís do Canteiro.

De feito, estes e outros colectivos consideran que de sair adiante este proxecto eólico causará un “dano irreparable” ao patrimonio natural da Costa da Morte, razón pola que critican abertamente a postura da Fundación Eduardo Pondal, entidade afincada na aldea de O Couto moi cercana ao PP, pola súa pasividade ante unha agresión territorial de semellante calado mentres a institución  e o seu xerente, José María Varela Martínez, fan propaganda dunha aposta pola defensa do territorio que non é tal e incluso o seu presidente, Lois García Carballido, mantén unha estreita relacións coas empresas eólicas.

Cos datos na man, un informe de setembro de 2012 da Secretaría Xeral para o Turismo alertaba dos moitos impactos negativos da instalación do parque eólico sobre a actividade turística da zona, e o propio Instituto de Estudos do Territorio (IET) concluía que non existe ningún lugar onde non se produzca incidencia visual do proxecto sobre os núcleos poboacionais de Corme Porto, Ponteceso, Laxe, O Couto e Tabuído, e sobre os lugares de interés paisaxístico das praias de Balares e A Ermida, os miradoiros de Monte Branco e Galiñeiro, así como a imposibilidade de establecer medidas corretoras de apantallamento para a mitigación do impacto observable, deixando así patente a manifesta incompatibilidade do proxecto cos valores de protección da paisaxe.