Antón Sánchez / Opinión

A retirada pactada polos gobernos galego e español da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade prodúcese ante o severo informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) acerca de candidatura.

Ata 2024, cando menos, non volverá a optar.

Paisaxe da Ribeira Sacra / Cedida

Ademáis deste feito, o máis significativo atópase no contido do informe, que fai unha radiografía da desorde territorial, producto das políticas da Xunta de Galicia a prol da economía extractivista no noso país, da ausencia dunha planificación sostible pensada para o interese xeral e incluso da situación de despoboamento e envellecemento, factores todos que aparecen mencionados contundentemente como obstáculos para a candidatura.

Os encoros, dous de Naturgy e dous de Iberdrola, son fundamentais no informe.Pensemos agora cara onde van os beneficios e o emprego destas infraestructuras, cando ambas empresas deslocalizarán os centros de operacións en Galiza, para pasar a controlar os ríos galegos dende fora, eliminando gran parte dos poucos empregos creados na zona.

Os parques eólicos son tamén mencionados como obstáculos, tanto os presentes na zona candidata como os visibles.

Moi sangrante é a mención das reforestacións con monocultivos que rachan a continuidade paisaxística entre os mosteiros e o río, polo feito da falla de vontade mostrada en décadas para planificar, zonificar o monte, evitando estes impactos e consecuencias.

Cero preocupación do goberno galego tamén polo impacto das canteiras a ceo aberto, desoíndo durante anos os informes do Defensor del Pueblo acerca da non restauración en moitas destas explotacións mineiras e tolerando prácticas ilegais.

O envellecemento compromete a conservación do tipo de viticultura e agricultura.

É un resume completo das políticas practicadas dende San Caetano polo PP, vendidas como progreso e que comprometen o noso futuro ambiental, paisaxístico, social e económico.

É un resumo de como se vende a prezo de saldo un territorio con grande potencial para ser outra cousa.

(E non é falar a touro pasado porque xa o advertimos, tamèn neste caso concreto).

Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista e foi deputado no Parlamento galego durante as IX e X Lexislaturas.

DEJA UNA RESPUESTA