A NUMEROSA ASISTENCIA Á ASEMBLEA E O RESULTADO POSITIVO DE TODAS AS
VOTACIÓNS REALIZADAS REFLECTIU O APOIO DA VECIÑANZA AO TRABALLO DA
PLATAFORMA.
NUMEROSAS REUNIÓNS, CHARLAS, ESCRITOS, CREACIÓNS DE MATERIAIS PARA
VISIBILIZAR A LOITA, UNHA ANDAINA, UN FESTIVAL E UNHA CADEA HUMANA É O BALANCE DE ACTIVIDADES DOS 8 MESES DE VIDA DA PLATAFORMA.

Na asemblea que tivo lugar o venres 18 de xaneiro ás 20:30 nos baixos do restaurante San Martiño, os numerosos asistentes lexitimaron á coordinadora e aprobaron a pertenza á rede de plataformas Compostela-Ulla-Tambre.
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos naceu fai 8 meses, cando os habitantes do concello de Teo coñeceron o proxecto para a instalación dunha planta de residuos de dimensións espectaculares na antiga canteira da Casalonga. Unha zona xa restaurada pola propia natureza e con núcleos de poboación a escasos metros. Dende ese momento as casas da contorna e as inmediacións da N-550 mudaron a súa estética. Imposible pasar por este lugar sen ver os centos de pancartas rexeitando a súa instalación. Nese momento (4 de xuño) nace a plataforma Casalonga limpa de residuos.
A primeira gran acción foi a andaina reivindicativa do 17 de xuño, onde os habitantes máis vellos da contorna amosábanse impresionados pola asistencia masiva da veciñanza. Continuouse con numerosas charlas informativas para dar a coñecer as dimensión do problema e cun diálogo permanente da plataforma co Concello, cos partidos políticos e con outras plataformas.
A realización do festival “DesPlanta Sons” durante as festas do Carmelo foi a segunda gran visibilización da resposta cidadá. Un festival realizado altruistamente onde artistas e empresas da contorna arrimaron o ombro poñendo o seu traballo á disposición da plataforma.
A unión e forza da veciñanza amosadas nestas e noutras actividades, foron quen de parar a instalación da Planta de tratamento de residuos. Primeira vitoria. Pero aos poucos días, a empresa dona dos terreos da antiga canteira da Casalonga, volveu a ameazar as vidas dos habitantes da contorna coa instalación dun macrovertedoiro camuflado de “plan de restauración da canteira”, cunha capacidade de 9.000 Tn. de residuos, 11 veces superior ao vertedoiro de Miramontes. De novo unha oposición social contundente foi a resposta: unha cadea humana de 2km de longo rodeou a canteira. Diálogos continuos cos grupos políticos e con outras plataformas, panos e mandís enchendo a feira do San Martiño, presentacións de escritos pedindo cambios lexislativos a nivel do Concello, autonómico e estatal, e outras accións conseguiron frear a instalación do vertedoiro encuberto. Segunda vitoria.
A empresa presentou dous proxectos, a veciñanza parou os dous proxectos. Agora, a espera dun novo paso por parte da empresa, os habitantes prepáranse para a seguinte batalla. “Sempre que a empresa presente algo, como sabemos as súas intencións reais, vainos ter en fronte!” anuncia un membro da plataforma como peche da asemblea.


























