Persoas afectadas dos municipios de Coristanco, Cabana e Santa Comba -este último sen aeroxeradores proxectados pero coa construción de infraestruturas auxiliares- veñen de iniciar unha recollida de sinaturas e preparan alegacións ante un proxecto do parque eólico O Cerqueiral que pretende a instalación de catro gigantescos muíños de casi 180 metros de altura e 27 megavatios de potencia total.

Veciños e veciñas da zona manifestan a súa inquedanza polo tremendo impacto ambiental e paisaxístico que este proxecto de Greenalia pode ter na comarca e denuncian o completo desprezo pola poboación residente, que está a ser ignorada na toma de decisións así como, na práctica, a falta de retorno social dun proxecto que beneficia únicamente á empresa, pero non así ás familias.
De igual xeito, entidades como Petón do Lobo e Salvemos Cabana tamén están a preparar as súas obxeccións ao proxecto e veñen de dar comezo cunha tarefa divulgativa indispensable para informar á veciñanza da problemática e procedementos a seguir durante o período de exposición pública, que deu comezo o pasado 11 de novembro e rematará a finais de ano.

Para a Asociación Petón do Lobo, ao igual que noutros proxectos semellantes, no parque eólico O Cerqueiral está a producirse unha transformación urbanística a prol da promotora e en detrimento da veciñanza e das comunidades rurais afectadas pola súa instalación, que coa nova cualificación urbanística “perden capacidade sobre da xestión de usos nos solos rústicos de protección de augas, de protección agropecuaria e de protección forestal”.
A Asociación Salvemos Cabana considera, pola súa banda, que o Plan Sectorial Eólico está claramente “desfasado” en canto á protección paisaxística e supón un obstáculo para o desenvolvemento sostible e ordeado do rural, recalificando, contra o interés xeral, algunhas das paisaxes máis emblemáticas da Comarca de Bergantiños como solo industrial cun beneficio “innegable” para a empresa, pero prácticamente “nulo” para a poboación.