A voceira do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, asegurou este luns que “as palabras que definen a Feijóo son escapismo, publicidade e propaganda” ante as “ausencias e anuncios irresponsables” do presidente da Xunta e o “uso partidista das institucións” que fai o Partido Popular co “adianto inxustificado” do Debate sobre o Estado da Nación. “Pretende usar as institucións en beneficio do PP tomando parte no debate electoral do Estado. Non pode ser. Se os problemas das galegas e dos galegos non lle interesan, o que ten que facer é marchar”, sinalou.

Luca Chao denuncia a actitude «escapista» de Feijóo cara a problemática galega / Grupo Común da Esquerda

Desta maneira, Luca Chao incidiu en que “non pode ser que ante os numerosos problemas que afectan ao noso país teñamos ausencias e anuncios irresponsables, un día que non presentará orzamentos e outro que se adianta o debate. Galicia ten problemas fundamentais como para tomar este debate á lixeira. É inaceptable, é burlarse do parlamento galego e tratar de confundir á cidadanía saltándose as súas responsabilidades”. Fronte a isto, dende o Grupo Común da Esquerda “afrontamos esta cita coa máxima responsabilidade. A de analizar o estado das cousas, facer o balance que entendemos está facendo gran parte da cidadanía galega e colocar alternativas sólidas sobre a mesa”.

Segundo destacou Chao, este é “un balance negro, que acompaña moitas mobilizacións que teñen lugar no noso país e que está moi lonxe da imaxe propagandística difundida día a día polo PP. O país real é o que denuncian as enfermeiras en loita, o dos venres negros dos medios públicos, o das plataformas medioambientais, o do loito polas mortes que deixa a violencia machista, o da defensa do dereito á vivenda, o de tantas xentes ás que agradecemos o seu compromiso diario que son, que dúbida cabe, o mellor deste país”.

Como exemplo deste balance, apuntou a situación da vivenda, xa que “nun país con 300.000 vivendas baleiras o señor Feijóo puxo a disposición da xente que o precisa 20 vivendas en 3 anos”. Tamén se referiu Chao á industria, onde se perderon 39.200 empregos entre 2009 e 2019, mentres que a cifra total de postos de traballo perdidos foron 54.000, o que provoca que “Feijóo vai pasar a historia por ser o único presidente que vai deixar o goberno con menos empregos dos que había cando chegou”. Ademais, a voceira lamentou a xestión agrogandeira, onde tamén se perderon empregos e, “malia repetir que estamos na lexislatura do rural non foi quen de ordenar o territorio para aproveitar os recursos que temos como país nin para evitar os lumes que se repiten cada ano”. No referente ao gasto social, Chao denunciou os recortes -pasouse dun 18,8% do PIB en 2009 a 14,4% no 2017- e “a vontade de privatización dos grandes servizos públicos: redúcese o gasto sanitario e educativo mentres que aumenta a presenza do sector privado nestas áreas”.

Así, fronte á Galicia negra de Feijóo, o Grupo Común da Esquerda defenderá propostas de resolución nas que se reflicta que “hai outro país aí fóra que traballa día a día polo ben común”. Nelas, trataranse temas que “entendemos fundamentais como o combate da precariedade e o desemprego, a defensa dos dereitos e liberdades fundamentais, a modificación do financiamento autonómico, as políticas a prol da igualdade e de loita contra as violencias machistas, a blindaxe dos servizos públicos, o dereito á enerxía, un plan para a reactivación industrial, o acceso á vivenda, o compromiso coa I+d+i, o desenvolvemento de políticas de transición enerxética xusta, así como a conservacación e recuperación mediambiental”, enumerou Luca Chao. Con respecto a isto último, manifestou o apoio do grupo á semana de folga polo clima porque “non temos planeta B e urxe actuar”. En definitiva, as resolucións irán encamiñadas “a un país máis feminista, máis verde, de maior benestar e de traballo e dereitos para todas e todos”, concluíu.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario