Encontro, actualidade de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu no día de hoxe a xornada ´Territorio queimado. Territorio silenciado` organizado polo grupo de En Marea para analizar e dar voz a todos aqueles sectores que o PP non quixo escoitar na comisión oficial de estudo dos lumes. “Unha xornada de traballo para levantar a censura, levantar a mordaza do PP” como afirmou o voceiro de En Marea, Luís Villares. “Nós dixemos que este non era un problema forestal, que era un problema territorial, e censuráronnos a palabra territorial. Quixemos intervir no regulamento para poder falar deste tema e tamén nos vetaron. Fixemos unha proposta de ata setenta comparecencias e vetaron sesenta. E dixemos que xa abonda de mordaza” explicou Villares.

O que non querían era escoitar no Parlamento non era outra cousa que a verdade incómoda de que os lumes se produciron en primeiro lugar pola incompetencia da administración, pola súa incapacidade de regular os servizos de emerxencias cando se produciron os lumes, de coordinar os medios dispoñibles; pero ademais a incapacidade de planificar o territorio para evitar que o monocultivo forestal, o abandono do rural, a incapacidade de ordenar o territorio e a planificación urbanística e de asumir o cambio climático desen lugar a unhas condicións diferentes de vida capaces de evitar eses incendios. “Non querían escoitar iso, é unha verdade incómoda, e o que estamos facendo hoxe é dar voz a esas voces silenciadas, ás voces amordazadas, vetadas, que non querían na comisión oficial” manifestou.

Dos resultados das xornadas de hoxe o grupo de En Marea recollerá as conclusións das mesmas e se incorporarán á comisión oficial, “esa que están redactando dous membros do Partido Popular e da que non imos poder retocar nada; polo que En Marea presentará un voto particular con todas as voces vetadas”. “Eles non quixeron escoitar, pero van ter que escoitar. Porque non hai forma, por moi grosos que sexan estes muros, de evitar que entre o ruído da rúa e as voces da cidadanía. Iso é o máis importante para decidir o futuro do noso país” concluíu o voceiro de En Marea.

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, pola súa banda insistiu que o obxectivo de En Marea con esta xornada céntrase en que todas e todos podan aportar e ser escoitadas na comisión oficial no Parlamento.

Nas distintas comparecencias que se sucederon ao longo do día, destaca a unanimidade á hora de denunciar a falla dunha ordenación real e adecuada no noso territorio, así como o problema do abandono do rural e da perda de actividade agrogandeira que está a ser unha causa fundamental no problema dos lumes.

Outra das denuncias repetidas por todos os comparecentes centrase na necesidade de elaborar un plan do rural, non tanto un plan forestal senón para todo o rural cunha visión integral e na que se abandone a idea do rural como negocio para uns poucos.

REME LISTE, XEFA DE BRIGADA

Na súa intervención denunciou o feito de que non se nos educou nunha sensibilidade cara ao medio asegurando que “o futuro que deixamos ás xeracións que veñen é patética”.“Extinguir si extinguimos, pero de prevención non facemos practicamente nada. Reparamos cunetas, facemos podas… Con todo o que iso supón. Unha máquina faino en nada con menos diñeiro e tempo do que nós supoñemos. Estamos nun problema de mala xestión” asegurou.

Denunciou ademais temas graves como o emprego das persoas que os Concellos contrata para prevención estase a usar para extinción e o feito de que “se está a xogar moito co interese electoral e cos votos”. “Tense contratado xente sen experiencia. Deberamos ser todos contratados por unha única vía. Tamén vemos ás veces abuso de medios aéreos e  falta coordinación” afirmou Reme Liste.

 

XOSÉ CONSTENLA, XEÓGRAFO E PROFESOR NA UNIVERSIDADE DE VIGO

O xeógrafo e profesor da Universidade de Vigo, Xosé Constenla, lembrou que “o territorio somos as persoas xa que dámoslle contido e significado pero tamén ao revés”. “Desposuíronnos desas relacións humanas que viñamos tendo como comunidade co territorio” lamentou.

Denunciou na súa intervención a dependencia extrema a nivel estatal dun centro que exerce unha dependencia extrema a nivel estatal dun centro que exerce unha función de depredación contra a periferia. “E unha instrumentalización das políticas públicas. A produtividade agrícola desaparece e proliferan as infraestruturas e as vivendas por todas partes. Houbo un cambio de paradigma. Existe un colapso territorial” afirmou.

As cifras demográficas son un síntoma claro do colapso territorial galego. Estamos ante a mercantilización do territorio. Non todo ten que ser construído. Temos que facer caso ás novas soberanías: feminista, dos nenos, dos maiores. Temos que recuperar unha nova espacialidade, unha volta á dimensión do lugar e xerar uns principios para un novo ciclo que non entenda a natureza como algo a depredar senón como o noso sustento” concluíu Xosé Constenla.

 

ISABEL VILALBA, SECRETARIA XERAL DO SINDICATO LABREGO GALEGO

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, remarcou que o territorio ten moitas outras dimensións e non so a madeirable como se está a centrar na actualidade. Esta visión asegurou é froito dunhas políticas neoliberais. “Non é que non haxa proxecto, si o hai pero é un proxecto neoliberal” afirmou. Na súa intervención asegurou que “estamos normalizando a anormalidade no tema dos lumes” e como exemplo referiuse a presentación anual do Pladiga que ano tras ano da por feito que van arder milleiros de hectáreas no noso país.

“Se pensamos que a única arma contra os incendios é o Pladiga, un corta e pega dos anos anteriores, non lograremos acabar co problema dos lumes” asegurou.

A perda de superficie agraria útil lembrou que Galicia ten das peores cifras de Europa polo que asegurou “non nós podemos permitir seguir a perder superficie agraria útil”. Nesta liña remarcou que sería preciso que polo menos un terzo do territorio tería que ser dedicado a superficie agraria e gandeira. Outra das cuestións que remarcou sería a necesidade de eliminar os intereses privados na extinción e na prevención. “Ten que ser un servizo profesionalizado, non precarizado ten que ser profesional e estable. A gandeiría en extensivo pode ser unha boa alternativa na cuestión da prevención” concluíu.

 

XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO, BIÓLOGO, ECOLOXISTA E CONSULTOR AMBIENTAL

“Non podemos acabar cun problema se seguimos a pensar dentro dos marcos que provocan este problema” así arrancou a súa comparecencia o biólogo, ecoloxísta e consultor ambiental, Xabier Vázquez Pumariño quen fixo un exercicio de lembranza histórica para entender a situación actual. “Franco foi continuador de determinada mentalidade respecto á reforestación a través de eucaliptos, pinos… conseguindo que un monte improdutivo fose produtivo pero si o era, so que non para unha grande empresa. Prodúcese nun momento concreto que é cando se emigraba e comezase a facer en montes en man común e polo tanto vense obrigadas a emigrar” explicou.

Así asegurou que os lumes son unha pequenísima consecuencia do marco forestal no que estamos actualmente. Se nos dedicamos a encher a España de especies invasoras que serven para combustible para o lume, despois non podemos queixarnos de que todo arde.

Referiuse tamén na súa comparecencia ao cambio climático que asegurou estamos “ante un caos climático no que sabemos que é o que vai pasar pero o lóxico é esperar que o clima sexa cada vez máis extremo”.

“Porque temos que facer un plan forestal cargado de cartos. Non precisamos plan forestal senón un plan para o rural cunha visión integral, ordenación do territorio e falando con todos os sectores implicados. O plan do rural é que é un negocio para uns cantos. Un Pladiga non deixa de ser unha subvención aos incendios” concluíu Pumariño.

A xornada rematou coa comparecencia de Francisco Ónega, investigador do laboratorio do Territorio, e Carla Pérez, edil do Concello de Salceda e representante dos gobernos muncipais.

 

FRANCISCO ÓNEGA, INVESTIGADOR DO LABORATORIO DO TERRITORIO

O investigador do Laboratorio do Territorio, Francisco Ónega, remarcou que se trata dun problema de país e asegurou que por moitos axentes que se teñan no monte non se vai acabar co problema dos lumes. “Por moi eficaces que sexamos controlando lumes, se as causas que os provocan persisten as consecuencias poden ser descomunais” asegurou.

Entre os datos aportados cabe destacar explicou que o 98 por cento dos servizos de extinción foron superficiais. En 50 anos pasamos do 60 por cento da poboación ocupada na agricultura, é dicir, xestionado biomasa a un 5 por cento. En só 20 anos un metro cadrado de cada dous en Galicia cambiou de uso. Menos da metade dos agricultores teñen menos de 60 anos. E menos do 1,5% teñen menos de 30 anos. A terceira parte da media europea. Unha crise demográfica sen parangón Por cada agricultor hai 44 propietarios de terra. Iso foi o que non cambiou: a estrutura da propiedade. E mentres deixamos de lado as zonas de cultivos agrarios importamos 190 millóns de euros en cereais.

CARLA PÉREZ, EDIL DO CONCELLO DE SALCEDA E REPRESENTANTE DOS GOBERNOS MUNICIPAIS

“Que ve a xente no monte? Agora mesmo un problema. Moitas persoas ás que lles deixan en herdanza un monte bótanse a temblar: pensan que non van gañar cartos e vailles complicar a vida” asegurou Carla Pérez, edil do Concello de Salceda e representante dos gobernos municipais que reclamou cooperación entre todas as administracións para falar e abordar de xeito conxunto o problema dos lumes.

“Non podemos seguir co tema do terrorismo incendiario que tentaron vendernos. Queren tomarnos o pelo. O que hai unha falla de política forestal e de ordenación do territorio” afirmou.

Deja un comentario