O colectivo esixe que «ante a pouca ou ninginha información por parte da xerencia integrada de Lugo, A Mariña e Monforte» a atención dos responsables cara as traballadoras e traballadores sanitarios «sexa constante contínua e directa».

A Xunta de Persoal do HULA reclama información e unificación de criterios aos responsables do SERGAS / Wikimedia Commons

Nun escrito enviado aos responsables do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a Xunta de Persoal valora que a información aos traballadores é unha obriga legal e que «xa está ben de enterarse pola prensa» dos cambios de de maneira constante se están a producir e que ainda que «a situación é excepcionalmente grave» a falta de comunicación cos representantes dos traballadores está a ser a norma e só contribúe a «agravar os problemas, incrementar os medos e xerar malestar e crispación en un persoal moi estresado».

Por ese motivo, esixen unha unificación de criterios claros e a realización, con máxima prioridade e de maneira periódica, dos test de diagnóstico dos que dispón o SERGAS para o persoal que teñan contacto directo cos doentes, sen excluir ao resto de integrantes do ámbito sanitario.

A maiores, solicitan aos responsables do SERGAS ter a información da cantidade de test de diagnóstico (PCR) dos que se dispón e asemade o número de test rápidos de anticorpos así como a cantidade de material de protección persoal (EPIs) para poder facer unha previsión do que se pode chegar a necesitar en momentos concretos.

Ademáis, reclaman a colocación de dispensadores de solución hidroalcohólica nos corredores, baños, consultas externas, centralitas e entradas, tanto dos centros hospitalarios coma nos de atención primaria.

Doutra banda, a Xunta de Persoal entende que o Servizo de Medicina Preventiva e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais «non están a funcionar dunha maneira acorte á situación crítica que estamos a vivir» xa que «ante as dúbidas, problemas e necesidades do persoal está a pasarse a pelota dun tellado a outro» sen dar unha solución clara aos problemas. 

Para o colectivo a pouca coordinación entre estos servizos «crea unha inquedanza real» entre os profesionais que estiveron en contacto cos doentes e compañeiros que deron positivo por coronavirus «aumentando a probabilidade» da súa extensión.

Finalmente apostan pola necesidade de modificar a duración da xornada laboral e a realización de quendas de 12 horas e tamén achegan a queixa da saturación do teléfono habilitado pola Xunta para resolver as dúbidas sobre o COVID-19 dado que «é tremendamente complicado acceder a un operador».