A Plataforma veciñal Cornado Mina Non rexeita a utilización de fondos públicos para promocionar ao lobby mineiro nas xornadas celebradas do 20 ao 22 de setembro nas instalacións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O vicepresidente da Xunta de Galicia Francisco Conde na inauguración das xornadas na Cidade da Cultura / xunta.gal

O colectivo recorda que o mineiro é a día de hoxe o sector máis contaminante e responsable dun elevado nivel de emisións de efecto invernadoiro de entre o 4% e o 7% segundo os anos, consumindo asemade un 11% da enerxía mundial, unhas circunstancias que o fan incompatible coa estratexia política que busca a neutralidade en carbono e o cumprimento do Acordo de París en materia de cambio climático.

Co seu apoio ao sector da gran minería o Goberno galego está a incumplir as súas obrigas en materia de loita contra o cambio climático / Creative Commons

O Acordo de París é un tratado internacional sobre o cambio climático que é xurídicamente vinculante e foi adoptado por 196 países na COP21 en París o 12 de decembro de 2015, entrando en vigor o 4 de novembro de 2016.

Este tratado busca limitar o quencemento global a un límite de 1,5 graos centígrados en comparación cos niveis preindustriais limitando as emisión de gases de efecto invernadoiro para conquerir un planeta climáticamente neutro o antes posible.

PLANTEXAMENTO DA COMISIÓN EUROPEA SOBRE A ECONOMÍA CIRCULAR E AS MATERIAS PRIMAS SECUNDARIAS

Doutra banda, Cornado Mina Non sinala que a Comisión Europea ven de instar aos países da UE sobre a importancia do uso renovable dos recursos a través do Plan de Acción para a Economía Circular contemplado no Pacto Verde Europeo, que ten por obxectivo desvincular o crecimento do uso dos recursos a través do deseño de productos sostibles e o aproveitamento do potencial que ofrecen as materias primas secundarias pois “a circularidade e a reciclaxe de materias primas é parte integrante da transición a unha economía climáticamente neutra”.

Neste senso, para a CE, “a utilización de materias primas secundarias a través dun mercado da UE sólido e integrado e da retención do valor dos materiais de alta calidade contribuirán a dar resposta a unha porcentaxe cada vez maior da demanda de materias primas na UE”.

Tendo en conta as liñas de acción marcadas dende a propia Unión Europea, Cornado Mina Non mostra o seu descacougamento en como o Goberno galego está a promocionar co seu apoio ao lobby mineiro nas xornadas “Minerales estratégicos para la industria gallega“, que conta no seu plantel cunha nutrida representación de integrantes de proxectos «altamente contaminantes e socialmente conflitivos» como o da mina de Touro, a de San Finx en Lousame, a de Varilongo en Santa Comba e a de Penouta en Viana do Bolo.

A plataforma veciñal mostra o seu profundo rexeitamento á utilización de fondos públicos por parte da Xunta de Galicia no apoio á quimera da “minería sostible”, termo que «en absoluto se corresponde coa realidade pois a nivel extractivo a explotación do recurso supón o seu esgotamento pagando, iso sí, unha elevada peaxe a nivel social e ambiental».