A Xunta ven de publicar, en pleno agosto, a apertura do prazo de alegacións ao proxecto de Decreto de Desenvolvemento da Lei 10/2013 de 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, no relativo á Renda de Inclusión Social e das Axudas de Inclusión Social. O borrador do proxecto fora presentado o 21 de decembro de 2017, con máis de tres anos de atraso, cando era esixido pola propia norma nas súas disposicións finais primeira e segunda, co obxectivo de poñer en marcha os tramos de inserción e transición ao emprego da RISGA, o que incidía directamente na necesidade de garantir a inserción laboral das persoas en exclusión.“A pesar de a Xunta ter sete meses de 2018 para poder someter o proxecto de decreto a exposición pública, decide facelo en agosto, nunperíodo no que non hai actividade parlamentaria e que coincide coas vacacións de verán, co agravante de publicarse a día 3, un venres” denunciou a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao.

O luns día 6 comeza o prazo de 15 días hábiles no que os colectivos e calquera persoa poderán facer alegacións, rematando o 27 de agosto, luns, un prazo insuficiente e que amosa a nula vontade da Xunta de concertar o desenvolvemento regulamentario da lei de inclusión coas entidades que traballan no eido da pobreza e a exclusión.

Esta publicación oficial faise, ademais, sen ter respondido a todas as suxestións recibidas por parte de entidades e da cidadanía ao borrador de decreto e sen ter concedido un período de debate coas entidades que llo solicitaron.

Dende En Marea presentaran alegacións ao proxecto, no mesmo sentido que as suxestións que xa enviamos, pois a nova redacción non recolle o groso das achegas recibidas. Ademais, En Marea rexistrarán un proxecto de lei que modifique a lei de inclusión, pois o desenvolvemento regulamentario proposto non mellora a actual RISGA, que continúa con contías de miseria e unha cobertura insuficiente como informou a deputada Paula Vázquez Verao.

“Os novos perfís da pobreza que se asentou coa crise esixen solucións novas, que a actual RISGA non é quen de atender. En concreto, nos criterios para a valoración da situación de exclusión social ou de risco de exclusión, síguese sen considerar como criterio específico, ademais da situación de desemprego, a situación de emprego precario, cando a pobreza laboral é unha realidade cada vez máis asentada” explicou Verao.

Ademais, continúa a poñerse prazo para residir nun domicilio independente no caso de agrupacións de unidades de convivencia perceptoras de RISGA entre as cales non haxa vínculo familiar, a pesar de que unha sentenza recoñeceu que unha persoa perceptora de RISGA pode seguir cobrando a prestación ao convivir con outra persoa perceptora, se ambas non teñen relación familiar. Por outra parte, as políticas públicas de vivenda da Xunta son absolutamente insuficientes, co cal o problema de acceso á vivenda seguirase a agravar.

Con respecto ás persoas migrantes de procedencia extracomunitaria, continúase esixindo a residencia legal para acceder á RISGA, ademais da residencia efectiva. Excluír ao colectivo migrante en situación de irregularidade administrativa das prestacións faino aínda máis vulnerable do que xa é a situacións de explotación.

 

Falla de compromiso coa pobreza e a inclusión social da Xunta

Por outra parte, a Xunta vén de mentir nunha resposta a En Marea sobre o estudo acerca da pobreza infantil que en 2014. A Xunta respondeu á Deputada Paula Vázquez Verao, que pediu este documento ao abeiro do artigo 9 do Regulamento do Parlamento de Galicia, que non existía dito estudo, cando foi presentado pola Directora Xeral de Familia o 21 de xullo de 2014.

Dende En Marea consideran lamentable a frivolidade e falta de compromiso coa que a Xunta trata as cuestións relativas á pobreza e á inclusión social. Se verdadeiramente hai intención de traballar de xeito conxunto coas entidades sociais, debería aumentar o período de alegacións ao proxecto de Decreto que desenvolve a Lei de Inclusión e abrir un diálogo serio e de escoita activa coas entidades sociais.

Deja un comentario