Xosé Lois Jácome

A parcela, ten como obxectivo a construción dun centro de atención integral para persoas con parálise cerebral.

Que un Concello, ceda solo municipal, para unha asociación de estas características, entra dentro non só do normal, senón dentro do desexable.

O financiamento para a construción de este centro, correrá ao cargo da Fundación Amancio Ortega. Non é intención (nesta ocasión) de falar da idoneidade ou non deste tipo de doazóns, e dos auténticos obxectivos que se buscan cos titulares de prensa, que ben seguro, chegarán cando sexa a inauguración, senón antes, trátase de poñer o foco onde, na miña opinión como traballadora do sector por máis de 16 anos e tamén como delegada de persoal, debe estar. Nomeadamente, na Consellería de Política Social da Xunta de Galiza.

A Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, non deixa lugar a dúbidas, as administracións públicas desenvolverán as actuacións necesarias para a coordinación da atención de carácter social e sanitario, de forma efectiva e eficiente, (…) e promoverán as medidas necesarias para favorecer o acceso das persoas con diversidade funcional aos servizos e prestacións en condicións de igualdade co resto da cidadanía. A competencia de esta Lei, está transferida ao noso país, e evidentemente a responsabilidade é da Consellería. Mais nunha táctica, xa coñecida por todas nós, Rey Varela, tomando exemplo das mesmas técnicas que se dan na sanidade, ou na educación, nega calquera tipo de investimento en infraestruturas e deita esa responsabilidade nas asociacións, que vense obrigadas a buscar “mecenas” ou afundir a súa economía, xa bastante precaria, con créditos que poñen en perigo o seu futuro, o futuro dos e das usuarias e por suposto, a estabilidade laboral das traballadoras.  Non esta de máis lembrar, que a maior parte de estas asociacións de nais e pais, naceron durante o franquismo, ante a absoluta ineficacia da ditadura en materia de atención ás persoas con diversidade funcional, e que moitas delas funcionan a través de asembleas que escollen directamente as súas xuntas directivas. O funcionamento de moitas é francamente mellorable, mais, que organización asemblearia non ten marxe de mellora? que organización asemblearia non ten problemas de participación no día a día? Moitas nais e pais ante a situación na que vivían as súas fillas/os, xuntáronse, fixeron recadacións e con moitos sacrificios, conseguiron iniciar un camiño, que nalgúns casos dura xa máis de 50 anos, sacaron a duras penas ás persoas con diversidade funcional das súas casas e conseguiron moitísimos obxectivos, tanto na mellora da calidade de vida de esas persoas como das súas familias, alén, dun traballo de visibilización e normalización digno de resaltar. Agora mesmo, estas asociacións funcionan baixo a modalidade de contrato coa Consellería de Benestar, é dicir, reciben ingresos por cada praza, facendo un traballo, que realmente debería estar levando a cabo a Xunta de Galiza.

A situación actual, é dunha falta de prazas residenciais na nosa cidade, xa endémica, que trae como consecuencia que moitas familias, polo proceso de avellentamento, tanto da persoa con diversidade funcional, como das propias persoas que exercen a tarefa de coidados no fogar, cando chega o momento inevitable, no que xa non poden exercer esa función con garantías, vense obrigadas á busca dunha praza residencial. E a situación actual é que a Xunta, ofrece prazas en Lugo, ou en Ourense (se hai moita sorte) co proceso de desarraigo que iso supón nas familias.

Non pasa só co caso de Amencer na nosa cidade, dou por feito que pasa en todo o país.

É que sucede cando non aparece un “mecenas”? pois que con sorte cedese unha infraestrutura, que xa non sexa de interese para a administración e cargase na asociación que toque a súa reforma. Así sucedeu coa asociación Aspanaex, que ante a urxente necesidade dunha residencia, a administración, cedeulle o edificio do centro de saúde de Coia. Mátanse así, no caso polo menos de Vigo, dous paxaros dun tiro, por un lado quédase ben sen gastar cartos, e polo outro, dificúltase a reversión de equipamentos á sanidade pública que presta atención a todas e todos, no caso que (de momento parece improbable), un futuro goberno rache coa tendencia neoliberal e de liquidación do Estado de protección e benestar. Iso si, da reforma do edificio, por unha contía millonaria, tense que responsabilizar a propia asociación.

É imprescindible, neste punto, dicir que unhas instalacións adecuadas son moi importantes para unha atención adecuada a persoas con dificultades varias. Mais tamén é imprescindible  dicir que a atención de calidade non as dan as instalacións. Os coidados dignos e de calidade os dan as persoas traballadoras, que por norma xeral no sector da diversidade, e en calquera sector relacionado cos coidados, malviven con salarios de miseria, cos que é imposible establecer un proxecto de vida independente, con horarios excesivos e cargas de traballo que son responsabilidade directa da administración e que son excesivas debido á proporción traballadora-usuaria. Estas proporcións, non están pensadas para unha boa atención, senón para unha atención meramente asistencial e que aforre cartos de xestión, cartos que posteriormente son usados en cousas máis importantes que as persoas, ben sexa rescate de bancos ou autoestradas ou publicidade institucional que lave a imaxe do goberno de quenda.

Non hai “mecenas” para gastos continuados de persoal. Esas doazóns só darían un titular, moitos gastos periódicos e ningún retorno de lavado de imaxe de eses “mecenas” que ao mesmo tempo que financian a construción dunha residencia, deixan que as súas traballadoras en Bangladesh morran queimadas vivas nos seus talleres por 28 euros ao mes.

Non existe solución ao traballo dos coidados que non pase por unha intervención decidida do Estado. Os coidados, ben sexan médicos, á terceira idade ou á diversidade, teñen que ser públicos ao 100%, sen matices e sen atallos de colaboración público-privada que sempre acaban coas mesmas vítimas, traballadoras e usuarias. É urxente, tal e como reclaman os sindicatos de clase, o tránsito de toda atención ás persoas ao sector publico. É urxente que dunha forma contundente as organizacións de esquerdas reclamen unha intervención decidida do Estado na economía e un cambio no sistema económico, deixando de lado a falacia da economía especulativa, por irreal, e o centralismo da economía dos coidados. Precisamos xa unha economía feminista.

DEJA UNA RESPUESTA