A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe ao goberno galego de ter pechada a piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia dende hai tres anos por non acondicionar as instalacións. No debate dunha pregunta oral en Comisión, sinalou que o peche das instalacións, que se repetirá neste verán, obriga aos veciños e veciñas a utilizar as instalacións privadas xestionadas por Eulen en Monterrei.

Blanco advertiu da “coincidencia” da apertura das instalacións moito máis caras de Eulen co peche das instalacións públicas titularidade do goberno galego, que dende hai 17 anos era aberta grazas a un convenio anual que permitía a apertura daquelas instalacións xestionadas a través da Deputación Provincial. Criticou esta “coincidencia feliz para a empresa privada pero lamentable para a economía familiar dos veciños e veciñas”.

A responsable socialista advertiu que o convenio non foi renovado dende o ano 2015, co que, ironizou, “as instalacións das piscinas e o campo de fútbol conforman un secarral, unha charca ou mesmo unha lagoa, en función da pluviometría”.

Blanco urxiu ao goberno galego a retomar o convenio coa Deputación de Ourense para poñer ao día as instalacións e permitir abrir de novo ao público unhas instalacións fundamentais para as persoas que viven no que se coñece como “o forno de Galicia” polas elevadas temperaturas que acada no verán.

Deja un comentario