A Plataforma Stop Eólicos considera que a luz verde do Goberno galego aos parques eólicos Paradela e Serra das Penas (Enel Green Power / Endesa) e Serra do Oribio (Fergo Galicia Vento) poden afectar respectivamente ás candidaturas para incorporación á lista de Patrimonio Mundial da UNESCO da Ribeira Sacra e a converterse a Ribeira Sacra, o Courel e a Serra do Oribio na sétima Reserva da Biosfera de Galicia.

Por este motivo, veñen de enviar un informe á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), expoñendo en detalle a problemática xerada por estas autorizacións eólicas do Executivo da Xunta a sendos propostas.
Para o colectivo, “resulta dun cinismo político incomparable” que Alberto Núñez Feijóo, a fronte do Goberno galego “defenda unha e outra vez a base de propaganda” que a Ribeira Sacra “é a única candidatura a nivel do Estado que optará no 2021 á declaración de Patrimonio da Humanidade” mentres ao mesmo tempo “permítelle a Enel Green Power España, filial de Endesa, a instalación de 27 aeroxeradores de gran porte e inumerables tendidos de media e alta tensión, atravesando o territorio e modificando sen remedio unha das paisaxes rurais máis singulares de toda Galicia, o que afecta non só á Ribeira Sacra como comarca, senón tamén ao que supón o Camiño de Santiago e a súa zona de amortecimento”.
Dun xeito equivalente, Stop Eólicos advirte os permisos concedidos polo Goberno galego para a instalación do parque eólico Serra do Oribio, entre os concellos lucenses de Triacastela e Samos, poden afectar negativamente á candidatura da Ribeira Sacra, o Courel e a Serra do Oribio, zonas que aspiran a converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia dentro do programa MAB (Man and Biosphere).
A plataforma veciñal recorda que para a UNESCO, o concepto de Valor Universal Excepcional (VUE) é o que determina que un buen sexa considerado digno do recoñecimento que supón a inscrición na Lista de Patrimonio Mundial debido á súa importancia internacional e non ao seu valor rexional e local. Doutra banda, ademáis da avaliación dos valores culturais, dende a organización tamén se fan comprobacións en relación coa integridade e a autenticidade, a protección e a xestión dos territorios.
Para Stop Eólicos, “o Goberno galego parece olvidar que a incapacidade de presentar argumentos convicentes que xustifiquen o posible Valor Universal Excepcional é un dos principais motivos de fracaso das propostas das candidaturas a Patrimonio da Humanidade“. Neste senso, dende a entidade pregúntanse “cómo é posible defender o valor da da Ribeira Sacra por parte da Xunta autorizando a deterioración significativa das súas paisaxes e impoñendo aeroxeradores a uns centos de metros das vivendas máis próximas”.
Na Serra do Oribo -advirten dende a plataforma- “a situación é equiparable”, pois xunto coa Ribeira Sacra e Courel, aspira a converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia, integrada no programa MAB (Man and Biosphere), un programa que busca establecer bases científicas para cimentar a mellora a longo prazo da mellora das relacións entre as persoas e o medio ambiente.
Stop Eólicos recorda que “as reservas da biosfera, por definición, cumpren unha función de conservación, destinada á protección da biodiversidade, os ecosistemas e as paisaxes, algo de todo incompatible coa implantación dun parque eólico nun dos senlleiros macizos montañosos de Galicia”.
Neste senso -expón do colectivo- “a Xunta de Galicia, de novo facendo gala dun preocupante descoñecemento, autoriza o novo parque eólico da empresa Fergo Vento en plena Rede Natura, dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Ancares-Courel (ES1120001), poñendo en risco especies en perigo de extinción coma o oso pardo cantábrico (Ursus arctos arctos) ou a águia real (Aquila chrysaetos), ademáis de outras en situación de vulnerabilidade, afectando gravísimamente á fermosa (e insustituible) paisaxe da bisbarra“.
A plataforma aposta, finalmente, “por un novo modelo eólico, e uns responsables políticos para os que a protección do medio ambiente, as paisaxes e o rural galego e as súas xentes sexan a prioridade, non o favorecimento dun maior beneficio para os que máis teñen, como as grandes empresas do oligopolio eléctrico e as súas filiais”. Consideran que a Galicia “verde e azul” do PP “non deixa de ser pura propaganda mentres Feijóo parece olvidar que a protección da natureza para futuras xeracións é cousa de feitos, non de palabras”.