Aldea Viva denuncia que a administración intentou tapar a desfeita dos propietarios da mina de Touro cunha inversión de diñeiro público no Portapego A contaminación do río Portapego non pasa desapercibida para calquera que pase polas rúas de Fonte Díaz (Touro).

A escasos 50 metros da coñecida discoteca Dona Dana discorre este regato que leva as súas augas ó río Lañas, afluente do Ulla. Chama fortemente a atención a cor roxiza que presenta, orixinada pola oxidación dos sulfuros procedentes da mina, e a falta de vida reflexada nas herbas queimadas polas augas ácedas nas beiras do río. Isto non ten nada de novo dada a xa coñecida situación medioambiental do municipio provocada polas labores extractivas e a falta de control da administración. O que resulta escandaloso é a cantidade de diñeiro público que se gastou en supostamente solucionar esta situación sen resultado ningún.

Foron diversos os estudos e proxectos que se deseñaron, coa execución de varias obras todas tan infrutuosas como custosas, e sempre pagadas con diñeiro público: dende un proxecto da Deputación Provincial para suposto “saneamento e recuperación do río”, fondos europeos a través de GDR-Ulla-Tambre para suposta “recuperación ambiental, e eliminación de depósitos de metais pesados” até investimentos da Consellería de Medio Rural. En total máis de 300.000 euros gastados nun ridículo treito de trescentos metros de río no núcleo urbano de Fonte Diaz; isto é mil euros de diñeiro público por cada metro, sen mellora algunha.

O CONCELLO DE TOURO GASTA MÁIS DE 20000 EUROS ANUAIS EN RETIRAR OS LODOS PROCEDENTES DA MINA

A herdanza envelenada da antiga mina de cobre de Touro non só deixou importantes danos medioambientais senón tamén económicos. O goberno popular de Ignacio Codesido gastou o ano pasado 24.500 euros na limpeza da rede de saneamento por mor dos continuos colapsos que xeran os lodos e outros materiais procedentes da mina, tal e como anuncia o alcalde na revista municipal.

Estes gastos deberían ser asumidos pola empresa propietaria dos terreos, Explotaciones Gallegas S.L, e non con cargo ó erario público, algo que só se entende dende a suposta connivencia que existe entre a promotora da mina e o alcalde de Touro. Finalmente a asociación medioambiental Aldea Viva considera que o emprego de diñeiro público para tentar paliar os estragos ambientais deixados polas actividades extractivas privadas acaba sendo a norma no noso país; onde, quen contamina NON paga.

Deja un comentario