Redacción Galiza | Aldea Viva

A asociación Sociocultural e Medioambiental Aldea Viva rebela que se están a substanciar expedientes sancionadores por contaminación ambiental contra Explotaciones Gallegas S.L. A matriz das “empresas de valorización” da mina de Touro e propietaria dos terreos, constitúe xunto a Atalaya Minning a mercantil Cobre San Rafael, que pretende reabrir a mina de Touro-O Pino.

Os expedientes sancionadores veñen derivados das actividades destas empresas de “valorización” con resultados de contaminación de cauces de auga tributarios do río Ulla por vertidos; precisamente os riscos principais asociados ao proxecto de reapertura da mina. É por elo que Aldea Viva considera que estas actuacións, con independencia da cuantía final da sancións e das medidas que se adopten, deben ser tidas en conta no procedemento de autorización de reapertura da mina de Touro.

A resposta destas empresas a esta nova situación está a ser o despiste e utilización eufemística e interesada de termos como “economía circular”, cuxo fin é tentar crear unha imaxe pública que dista absolutamente da realidade, di Aldea Viva.

Cando cesou a actividade mineira en Touro, o propietario tiña a obriga de restaurar os terreos e a Administración a obriga de velar polo cumprimento.
Ante o desastre ambiental nos terreos mineiros de Touro e na súa rede hidrográfica, o propietario alega agora insistentemente que “cando cesou a actividade mineira (ano 1988) non existía normativa ambiental algunha que obrigara a rexenerar as máis de 500 hectáreas degradadas”, facendo caso omiso do Real Decreto 2994/1982, de 15 de outubro, sobre Restauración do espazo natural afectado por actividades mineiras.

Dito RD do ano 1982 obriga ao propietario a realizar as actividades de restauración dos espazos afectados por actividades extractivas de modo que o medio natural se resinta o menos posible por estas actividades; así mesmo, establece a obriga da Administración a velar, mediante unha serie de instrumentos, porque esta restauración se efectúe unha vez rematada a explotación dos espazos mineiros, e vixiar o estado no que quedan ditos terreos.

Aldea Viva sentenza que “é patente que nin o propietario cumpriu a obriga de restauración, nin a Administración a de vixilancia“.

Deja un comentario