Redacción Galiza | Aldea Viva

Dende residuos de ENCE, a contedores de chapapote do Prestige, residuos urbanos e vertedoiro “municipal”, ou até o intento de enterramento de reses mortas durante a crise das vacas tolas, os terreos da antiga mina de Touro parecen dar cabida a todo aquelo que noutro sitio non interesa. 

Co tempo acabaron instalándose aí empresas como Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. (TEN) e outros operadores que se autodenominan “empresas de valorización”, que entre outros producen os denominados “tecnosoles”. A día de hoxe, calquera que se achegue ás extensas áreas da antiga explotación mineira nas que se depositan os “supostos tecnosoles” pode atopar a simple vista nesa mestura todo tipo de restos plásticos ou envases mesmo de medicamentos. En épocas de choiva os lixiviados destes materiais aos ríos é constante; e os cheiros permanentes.

Aldea Viva vén de presentar un escrito dirixido á Consellería de Medio Ambiente, para que requira á empresa TEN, S.L. e aos demais operadores a documentación que acredite, a través dos seus libros e rexistros, os residuos que depositaron na zona; facendo mención ao Decreto 59/2009 da Xunta de Galicia, polo que se regula a trazabilidade dos residuos, e que obriga aos xestores de residuos que realicen operacións de almacenamento, valorización ou eliminación, a levar un rexistro documental dos residuos producidos e/ou xestionados.

 

Aldea Viva tamén lembra á Consellería de Medio Ambiente a Lei 22/2011 de Residuos, que establece os principios da política de residuos e a protección da saúde humana e o medio ambiente por parte das autoridades, para que non se xeren riscos para as augas, o aire, o solo, nin se causen incomodidades por malos olores ou ruídos. Neste contexto, e tendo en conta que segundo os propios datos das empresas, estas recepcionan milleiros de toneladas de residuos e de que se están substanciando xa varias denuncias, a Administración medioambiental galega, competente en materia de vixilancia e control, debera inspeccionar a zona de vertido dos residuos e comprobar se se están a cumprir as obrigas dos xestores relativas ao almacenamento, mestura e envasado dos mesmos, (artigos 18 e 20 da Lei 22/2011), e que así mesmo, se aplique no seu caso o réxime sancionador ao abeiro da Lei 26/2007 de Responsabilidade Medioambiental e cos principios de que “quen contamina, paga”.

Deja un comentario