“Aldeas con Horizonte” contra o espolio eólico de Galiza

0
296

Sesenta colectivos galegos dos ámbitos ecoloxista, sindical, veciñal, cultural, así como plataformas y comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos lanzan o manifesto “Aldeas con Horizonte”, polo que demandan a moratoria da instalación de novos parques eólicos a nivel galego, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantación desta enerxía “máis ordeado, sostible, social, participativo, xusto e racional”.

Máis de sesenta colectivos galegos demandan unha implantación da enerxía eólica racional e respectuosa co medio ambiente e as comunidades / Foto: Asociación Salvemos Cabana

Os grupos, entre os que se atopan entidades de referencia como Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra ou ADEGA, pretenden con este manifesto de 15 puntos alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación incontrolada de parques eólicos, que consideran que está aseguir “un modelo depredador e abusivo” coas comunidades locais, ademáis de “desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística”.

Para as entidades, “Galiza estase vendo sometida a un proceso de intensificación eólica sen precedentes, que resulta demoledor para o medio rural e os seus habitantes“, pois “o actual modelo de implantación da enerxía eólica segue tendo como referencia principal un marco normativo e institucional desfasado, de finais dos anos 90, que favorece ao grande oligopolio enerxético fronte aos dereitos das comunidades locais afectadas e ao interese colectivo”. Unha normativa, ademáis, reforzada dende o 2017 pola Lei 3/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, máis coñecida como “Lei de Depredación”, que permite axilizar a tramitación e posa en marcha dos novos proxectos eólicos “restrinxindo a participación pública e outorgándole ás empresas dereitos de usurpación das terras”.

Segundo indican, malia superar Galiza o centenar de concellos con parques eólicos e ter máis de 4.000 aeroxeradores instalados por todo o territorio, representando casi o 15% de toda a potencia eólica instalada no Estado, “o pobo galego parece condenado a seguir producindo enerxía eólica de forma irracional e ata o infinito, sen ter en conta as necesidades da poboación ou o seu impacto sobre os espazos naturais, a paisaxe, o patrimonio cultural, as economías locais ou a calidade de vida das persoas e comunidades que viven no rural“.

A perpetuación deste modelo de desenvolvemento eólico “obsoleto, colonial e insostible”, para os colectivos “é cada vez máis antisocial e constitúe nha nova ameaza e unha motivación máis para abandoar o rural galego que, nos últimos 30 anos, xa perdeu máis de 2.000 núcleos de poboación”. Por iso, a avalancha de parques eólicos fomentada sen ambaxes dende o Partido Popular e o Executivo de Alberto Núñez Feijóo “están a deixar ás aldeas galegas sen horizonte”, pois ademáis de destruir a súa paisaxe “comprometen o seu futuro, fomentan o seu empobrecemento e deprecian os seus bens materiais, culturais e ambientais”.

Dejar respuesta