A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana pide que non se autorice o parque eólico Monte Agrelo e Muriño polo seu impacto negativo sobre especies protexidas de aves e morcegos, e recorda que o prazo para presentar alegacións ao proxecto (dispoñibles en http://ir.gl/alegamonteagrelo) remata o próximo 10 de outubro.

A proxecto do parque eólico Monte Agrelo e Muriño pretende instalarse a tan só uns centros de metros da área crítica de conservación da escribenta das canaveiras, ave catalogada en perigo de extinción.

Neste senso, explican que a zona onde pretende instalarse o proxecto, situada entre Cabana de Bergantiños e Zas, conta coa presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus), especie catalogada como “Vulnerable” a nivel estatal polo RD 139/2011 e o Decreto autotonómico 88/2007. Ademáis, as infraestruturas do parque eólico atoparíanse dentro da área de distribución potencial da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher), que se atopa actualmente en perigo de extinción.

Doutra banda -detallan- existe a presenza constatada de especies de aves rapaces especialmente sensibles ao impacto dos parques eólicos, coma o miñato común (Buteo buteo) ou o lagarteiro común (Falco tinnunculus), que aínda que non teñen as súas poboacións ameazadas “son a menudo vítimas involuntarias deste tipo de proxectos polo tipo de voo que desenvolven”.

Nesta liña, para a entidade ambiental, chama a atención que EDP Renovables non contempla a instalación de equipos automáticos de monitoraxe e detección de aves do tipo DTBird, máis tendo en conta que o proxecto atópase a escasa distancia da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte e nas inmediacións da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte (ES00001765) e na ZEPA correspondente ao espacio mariño Costa da Morte (ES0000497) onde se estima, segundo os datos do Ministerio de Medio Ambiente, que máis dun millón de aves migratorias pasan pola zona durante a súa migración anual.

O lugar onde se quere instalar o parque eólico, ademáis, excede o nivel dos 20 días/ano de néboa, e hoxe é sabido que as condicións de baixa visibilidade relaciónanse co risco de impacto da avifauna” -relatan dende o colectivo-. Doutra banda diversos autores, alertan respecto aos proxecto eólicos de última xeración, con turbinas eólicas de grandes dimensións, nos que ao aumentar a altura dos aeroxeradores pode aumentarse significativamente a tasa de mortandade das aves ao interceptar a altura de voo das que realizan migracións nocturnas.

O PROXECTO AFECTA A UNHA ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN

A empresa recoñece igualmente que as infraestruturas do proxecto eólico atópanse dentro da área de distribución potencial da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher), que actualmente está catalogada a nivel estatal e autonómico como “en perigo de extinción”. Salvemos Cabana explica que o termo “área de distribución potencial” fai referencia todos aqueles lugares que poderían ser empregados pola especie ben como áreas de descanso durante movementos dispersivos ou entre as áreas de distribución actual ou ben en épocas diferentes ás de cría, en especial durante o inverno. Para o grupo hai que ter en conta, por outra parte, que a tan só 600 metros de distancia, na desembocadura do Anllóns, atópase a área crítica de conservación desta especie. “Que a promotora afirme que non detectara a súa presenza durante os traballos de campo non significa que non esté presente ou vaia estalo no futuro, tendo en conta que este tipo de proxectos industriais teñen unha ocupación territorial mínima de dúas décadas prorrogables” -sentenza-.

O PROXECTO AMEAZA A SUPERVIVENCIA DE SEIS ESPECIES PROTEXIDAS DE MORCEGOS

A promotora recoñece tamén a afectación potencial sobre seis especies ameazadas de quirópteros que están presentes na poligonal do proxecto, cinco delas catalogadas en estado “Vulnerable” na lexislación estatal e autonómica (o morcego de Bechestein -Myotis bechsteinii-, o morcego de orellas fendidas -Myotis emarginatus-, o nóctulo maior -Nyctalus lasiopterus-, o morcego mediterráneo de ferradura -Rhinolophus euryale- e o morcego grande de ferradura -Rhinolophus ferrumequinum-) e unha (o morcego pequeno de ferradura -Rhinolophus hipposideros) considerada como “Vulnerable” a nivel galego.

Dende a asociación explícase que no caso de parques eólicos coma o do Monte Agrelo e Muriño os morcegos afrontan unha problemática particular polo denominado “barotrauma”, provocado pola rápida redución da presión atmosférica derca das aspas en movemento a gran velocidade. Ao tratarse de especies cunha baixa taxa de reprodución e unha esperanza de vida alta, este tipo de especies poden estar afectadas incluso por unha pequena mortandade adicional. A empresa, sen embargo, non contempla medidas correctoras específicas que den unha solución válida no caso dos quirópteros.

PROGRAMA DE VIXILANCIA AMBIENTAL INSUFICIENTE

Finalmente Salvemos Cabana, tal como fixo constar nas alegacións públicas elaboradas ao proxecto, considera que o control do impacto sobre a biodiversidade anunciado pola promotora é claramente insuficiente e non só pola periodicidade proposta, que é totalmente deficitaria, senón porque “a realización se simples inspeccións oculares sen o uso de cans adestrados en detección de especies vítimas dos parques eólicos, ten unha fiabilidade moi escasa“.

Tal como afirman diversos especialistas se ben dende fai anos son sobradamente coñecidos os múltiples impactos negativos da instalación de parques eólicos, “a aplicación dunha metodoloxía incorrecta en aspectos fundamentais como a detección de vítimas entre os vertebrados voadores dificultan o coñecimento de cal está a ser a magnitude real da afección dos proxectos eólicos sobre as poboacións de aves e quirópteros”.

EN PERÍODO DE ALEGACIÓNS ATA O 10 DE OUTUBRO

O proxecto do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, plantexado entre Cabana de Bergantiños e Zas, atópase en período de exposición pública ata o próximo 10 de outubro e a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana ven de preparar unhas alegacións públicas xerais que poden descargarse en ir.gl/alegamonteagrelo e presentarse de maneira presencial ou telemática á Administración.