A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que a construción de novos parques eólicos nos parques de Paradela e a Serra do Oribio (Lugo) incumpre as directrices da Rede Natura e supoñen un terrible impacto paisaxístico nesas zonas, así como a destrución de emprego nos sectores agrogandeiro e turístico. Ao seu xuízo o proceso supón unha “escandalosa tramitación administrativa” que a Comisión Europea debe investigar

Aeroxerador de Endesa en Paradela / Creative Commons

“Galiza non pode permitirse destruír a súa enorme riqueza e desde o BNG estamos vixiantes na loita pola preservación medioambiental do noso país”, subliña Miranda, quen considera “totalmente incongruente” que a Ribeira Sacra, O Courel e a Serra do Oribio sexan candidatas a converterse en Reserva da Biosfera de Galiza ao tempo que se proxecta a construción de parques eólicos.

A portavoz do BNG en Europa lembra que a Ribeira Sacra é a única candidata do Estado para converterse en Patrimonio da Humanidade en 2021, sempre e cando a Unesco determine o seu Valor Universal Excepcional a nivel internacional. “A instalación de 27 aeroxeradores e tendidos eléctricos de media e alta tensión en Paradela non é compatible coa candidatura para Patrimonio da Humanidade”, manifesta.

No tocante á construción do parque eólico na Serra de Oribio, -que forma parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) Ancares-Courel, da Rede Natura 2000 e se atopa no BIC Camiño de Santiago Francés, e é candidata igualmente a Reserva da Biosfera de Galiza-, Ana Miranda critica que o seu “terrible impacto medioambiental”, que pon en perigo diferente especies da zona.

Ao respecto recorda a falta de sometemento dese parque, no inicio do seu expediente hai 14 anos, a unha valoración dentro dunha “planificación estratéxica”, aspecto que a Comisión destaca como importante á hora de buscar os lugares mais axeitados para o desenvolvemento eólico. Precisamente o artigo 32 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galiza, exclúe a instalación de novos aeroxeradores na Rede Natura

PREXUIZOS PARA O RURAL A NIVEL LABORAL E AMBIENTAL

Segundo salienta a portavoz do BNG en Europa, a instalación destes parques eólicos teñen máis prexuízos que vantaxes para o rural galego, non só desde o eido medioambiental, senón tamén desde o punto de vista laboral. “A creación de postos de traballo só se produce na fase de instalación dos aeroxeradores, xa que o mantemento apenas precisa persoal”, apunta, “e non se fala do emprego que destrúe nos sectores agrogandeiro e turístico”, debido a necesidade de construír infraestruturas de media e alta tensión que atravesan o territorio.

Tendo en conta estes factores, a portavoz do BNG en Europa considera que a mellora das condicións de vida da poboación local tampouco é un argumento a favor da súa construción. “Pero aínda hai outro factor que non podemos esquecer: o prezo da electricidade”, apunta. Neste sentido critica que pese a que Galiza é un espazo de xeración de electricidade “os galegos e galegas pagamos a factura máis cara de todo o Estado”.

DEJA UNA RESPUESTA